DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo desenvolve 12 proxectos de Aprendizaxe-Servizo colaborando con entidades socio-comunitarias

As vantaxes de aprender realizando un servizo á comunidade

O alumnado pon a proba os seus coñecementos en contextos reais e son avaliados polos docentes

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 28/10/2019

Non se trata de voluntariado, xa que se encadra dentro dunha materia curricular nin tampouco de prácticas pre-profesionais, xa que estas non teñen como obxectivo facer un servizo á comunidade. As iniciativas de Aprendizaxe-Servizo baséanse nunha metodoloxía que busca que o alumnado poña en práctica os coñecementos adquiridos durante a súa formación pero nun contexto real. Para iso, establécese unha colaboración con entidades socio-comunitarias a través das cales e os estudantes desenvolven actividades coas que prestan un servizo e melloran a sociedade pero coas que tamén poñen a proba os seus coñecementos, habilidades, actitudes e valores. 

Para fomentar este xeito de aprender, a Universidade de Vigo abriu unha convocatoria a finais do curso pasado para poñer en marcha iniciativas que aposten por esta metodoloxía nos próximos meses. Tras a resolución final, son 12 os proxectos que se porán en marcha nos vindeiros meses cos que o alumnado aprenderá prestando un servizo á comunidade e adquirirá as competencias técnicas da súa titulación e tamén as xenéricas que teñen que ver co compromiso ético, a responsabilidade social ou o traballo en equipo. Para levalos a cabo, os docentes que lideran estes proxectos contarán coa colaboración de entidades como a Cruz Vermella, A Redeira, a Sociedade Galega de Historia, o Servizo de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro, Down Vigo ou a Asociación Xuvenil Amencer.

Dende a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e a Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado, impulsoras desta iniciativa, lembran que estes proxecto combinan dous elementos indispensables: aprendizaxe a través da experiencia e o servizo á comunidade. Trátase dunha colaboración moi positiva para o estudantado, que aprende en contextos reais e se achega a diferentes contornas sociais, que en moitos casos descoñece; isto permite que se elimine moitos prexuízos, remarcan dende a Área de Formación e Innovación Educativa, que coordina estas experiencias. Non obstante, lembran que a Aprendizaxe-Servizo non se pode confundir co voluntariado, porque é unha metodoloxía que está situada nunha materia polo que a actuación do alumnado será avaliada, pero “tampouco pode ser causa da precarización ou intrusismo laboral polo que o alumnado poderá desenvolver so determinadas tarefas”.

Proxectos ligados ao eido da educación e da formación inclusiva

Dos doce proxectos aprobados que agora arrancan o seu desenvolvemento, boa parte deles están ligados ao eido da educación e a formación para diferentes colectivos, como familias en risco de exclusión, nenas e nenos hospitalizados, persoas con capacidades diferentes, etc. Por exemplo, Aprender Ensinando é unha proposta de Eulalia Agrelo Costas, profesora do Departamento de Didácticas Especiais, que ten como finalidade ofrecer reforzo escolar de estudantes de educación primaria que se atopan en risco de exclusión en colaboración coa Cruz Vermella e Asdegal. Participarán estudantes das materias de Didáctica da lingua e literatura, Didáctica da lingua e literatura: galego e Literatura infantil e xuvenil do Grao de Educación Primaria que aprenderán, entre outras cousas, a deseñar e regular espazos  de aprendizaxe en contextos de diversidade. 

Outro dos proxectos, Fluídos Divertidos, desenvolverase en colaboración do Servizo de Pediatría do Álvaro Cunqueiro baixo a coordinación do profesor Eduardo Suárez, do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Ffluídos. A idea é que estudantes da Escola de Enxeñería Industrial colaboren na formación escolar e lúdica das nenas e nenos que se atopan hospitalizados a través de experimentos. 

Tamén está relacionado coa contorna educativa a proposta de Begoña González de Prado, do Departamento de Enxeñaría Química, que en colaboración coa ACCEM e Down Vigo, tratará de achegar formación a colectivos en risco de exclusión social como ferramenta clave para a súa integración social e laboral. Con semellante punto de partida, a profesora María Ainoa Zabalza, do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación, propón un proxecto de educación transformadora, xerando grupos de xogo para crianzas de 3 a 6 anos e familias que se atopan en risco de exclusión social en colaboración coa Asociación Xuvenil Amencer.

Pola súa banda, a profesora María José Pérez, do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, impulsa un proxecto que leva por nome Micromundo@UVigo e que aposta por formar ao alumnado de centros educativos sobre a resistencia aos antimicrobianos e a busca de microorganismos produtores de antibióticos. Tamén traballará con centros escolares o proxecto de Marta Pérez, profesora do Departamento de Matemáticas. En concreto o seu proxecto céntrase na formación do alumnado do CEIP Chans de Bembrive en eidos como a prevención de riscos, a xestión e tratamento de residuos e as artes plásticas e visuais e a xeometría para a vida diaria.

Finalmente, un sétimo proxecto está tamén ligado á educación, neste caso impulsado pola profesora Soraya Rodríguez, do Departamento de Dereito Público Especial. En colaboración con Down Vigo e Sálvora, Fundación Tutelar Galega para Persoas con Discapacidade, permitirá o alumnado da UVigo mellorar a súa formación para a inclusión de persoas con capacidades diferentes.

Noticias falsas, sendeirismo e imaxe institucional

Pero hai propostas de aprendizaxe-servizo máis aló do eido da educación. Por exemplo, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Dafonte propón a creación dun laboratorio cidadán para competencia dixital e mediática. Coa colaboración de A Redeira, o alumnado formarase para contrarrestar a desinformación e as noticias falsas que habitualmente chegan ao público.

Outra proposta é a da profesora Ana Isabel Rey, do Departamento de Didácticas Especiais, que en colaboración coa Sociedade Galega de Historia, Green Campus e a Área de Normalización Lingüística, busca a mellora da saúde a través da práctica deportiva e o coidado medioambiental polo que ten como finalidade xerar unha app na que se rexistren roteiros nos que se especifiquen aspectos técnicos, físico-condicionantes e pedagóxicos. Tamén ten unha clara orientación social a proposta de crear un banco de tempo que fai a profesora de Socioloxía Luz Varela, e no que busca a implicar a toda a comunidade universitaria nunha rede de intercambio de servizos por tempo.

No campus de Pontevedra nace o proxecto QTeam, impulsado polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais da Comunicación, Enrique José Varela, que se centrará en mellorar o coñecemento do alumnado dos servizos básicos e xerar unha imaxe clara do campus en colaboración coa Vicerreitoría. Completa a listaxe de proxectos o que coordina Camilo Quintáns, docente do Departamento de Tecnoloxía Electrónica, que porá en marcha un obradoiro de desenvolvemento de sistemas electrónico baseados en microcontroladores en colaboración cos UNED. O obxectivo é desenvolver as competencias adquiridas en electrónica dixital e microprocesadores.