DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores arrancou unha nova edición das xornadas 'Cando Mario coñeceu a Clío...'

Vellas historias, novas perspectivas

A figura de Manuel Sueiro e o recreacionismo foron algúns dos temas abordados na primeira sesión

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 18/04/2018

Este mércores arrancou no campus de Ourense unha nova edición, a sexta, das xornadas Cando Mario coñeceu a Clío..., postas en marcha pola Delegación de Alumnos da Facultade de Historia coa colaboración do seu centro e da publicación El Octavo Historiador, feita por egresados e egresadas desta facultade. Co obxectivo de abordar o pasado pero desde unha perspectiva nova, comezou un amplo programa de conferencias nas que se aborda desde a produción escrita do xurista Manuel Sueiro ata a representación de Vincent Van Gogh en producións audiovisuais.

Están convidadas e convidados a participar nas xornadas tanto egresados e egresadas da Facultade de Historia como persoa doutros colectivos ou con outras traxectorias pero que desde a organización da actividade consideran que poden achegar aspectos novidosos no eido histórico por algún motivo, desde o contido abordado ata a forma de contar a historia. “Este ano apostamos máis que nunca por unha clara multidisciplinaridade na programación, abordando desde temas de contemporánea ata as fontes documentais en esgrima”, indican desde a organización da cita.

Unha abordaxe multidisciplinar

Arturo Real, egresado da Facultade de Historia do campus e actualmente estudante de mestrado na Universidade de Santiago de Compostela, foi o encargado de abrir as intervencións falando de Manuel Sueiro como un “investigador e escritor ourensán de comezos de séculos”. Real fixo o seu traballo fin de grao no campus de Ourense sobre este personaxe histórico e para esta xornada, sinala, preparou unha intervención “na que me quixen centrar na súa figura como escritor, no seu estilo escribindo e nos temas nos que abordou nos seus textos”. Da análise feita, subliña, destaca dous temas, como son “que sempre emprega un estilo tremendamente didáctico, intentando facer entendible o que quere dicir, aínda que fose un tema complexo” e “o terriblemente dispersa que é a súa produción, xa que está repartida en numerosas revistas e xornais, xa que ten moi poucas publicacións propias”. A produción de Manuel Sueiro, sinala Arturo Real, está centrada case toda ela en temas do dereito antigo e medieval e nos temas de historia que lle interesaron. “Sueiro era de formación e de traballo xurista pero de paixón historiador”, recalca o egresado da Facultade de Historia.

Ademais da intervención de Arturo Real a xornada contou coa intervención de Paco Boluda, que volveu ao campus para falar do recreacionismo na divulgación histórica e máis concretamente da súa experiencia como ilustrador dando “vida” á información de intervencións ou museos arqueolóxicos, especialmente de temas de época castrexa. Ademais, David Vázquez falou sobre a súa produción Asolagados, a vida e a memoria que anegou o encoro, e Abel Moclás achegouse para falar de arqueoloxía e videoxogos. Xa o xoves, a programación arrancará cunha intervención do colectivo Ad Adsurdum titulada De esquina a esquina da península, todo sexa pola historia, na que falarán das súas experiencias publicando obras nas que abordan con humor temas históricos; continuará cunha conferencia de Marcos Ferro sobre a interpretación das fontes documentais na esgrima histórica e outra de Ángeles Coello sobre Vincent Van Gogh a través do audiovisual, e rematará cunha intervención de Fernando Rodríguez sobre o metílico, caso sobre o que ten publicado varias obras.

Entre as persoas que participan na organización das xornadas e que intervirán ao longo das súas dúas sesión está Ángeles Coello. Actualmente realizando a tese de doutoramento na Universidade de Vigo e colaboradora da publicación El Octavo Historiador, ela falará ás persoas asistentes da figura de Vincent Van Gogh a través de diferentes produtos culturais, como son as películas El loco del pelo rojo e Loving Vincent, un capítulo da serie Doctor Who e o manga Sayonara Sorcier. “Cada unha destas producións permítenos ver unha visión diferente do pintor, cada unha céntrase nun aspecto determinado e de cada unha o público pode sacar información interesante. Están moi ben para coñecer diferentes puntos de vista sobre Van Gogh”, comenta a investigadora. Así, destaca, en Loving Vincent abórdase a teoría de que o artista non se suicidou senón que morreu por accidente; El loco del pelo rojo “ten un carácter máis biográfico”; Sayonara Sorcier “céntrase na relación co seu irmán dun modo algo idíolo” e Doctor Who “afonda en como o artista vía o mundo dos seus cadros”.