Celebrarase ata o sábado no salón de plenos do Concello
Este venres arranca en Moaña o III Congreso Internacional de Xeopolítica Participativa e Diversidade
Interveñen os eurodeputados Ana Miranda e Nicolás González Casares e activistas de Oriente Medio
Un verán máis, e van tres, o Concello de Moaña volverá ser o epicentro galego do debate sobre xeopolítica. Mañá venres e o sábado, o salón de plenos acollerá un congreso internacional que se caracteriza pola súa vertente esencialmente participativa. E é que este evento busca abrir o debate xeopolitíco máis aló da academia e implicar a cidadanía, o asociacionismo e mesmo os centros escolares para dialogar sobre as conexións entre xeopolítica e diversidade.
O III Congreso Internacional de Xeopolítica Participativa e Diversidade está organizado pola Universidade de Vigo, a de Santiago de Compostela, a Universidad Complutense de Madrid, Amnistía Internacional e o Concello de Moaña e conta coa participación de académicos, líderes sociais, responsables políticos e membros da sociedade civil para dialogar sobre as conexións entre xeopolítica e diversidade.
O simposio arrancará ás 16.45 horas cun acto de apertura no que participarán María Isabel Doval Ruiz, profesora da UVigo e membro da organización; Heriberto Cairo e María Lois, da Universidad Complutense de Madrid; Leticia Santos, alcaldesa de Moaña e Antonio Alonso Escudero, presidente de Amnistía Internacional de Galicia. Ao longo das dúas xornadas, arredor de 50 persoas participarán en actividades relacionadas con cinco conceptos básicos: territorio, inclusión, internacional, diversidade e sustentabilidade. A través de relatorios, mesas redondas e talleres abordaranse temas como o impacto dos conflitos internacionais nas comunidades marxinadas, o papel da diversidade na construción de políticas exteriores inclusivas e a maneira en que os dereitos humanos universais deben integrarse no deseño de estratexias xeopolíticas. Dende a organización destacan que “este congreso aspira a ser un espazo transformador, onde as voces das comunidades diversas sexan protagonistas na construción dun futuro global máis equitativo e solidario”.
Xeopolítica e participación
Este congreso caracterízase por dous aspectos que o diferencian doutros eventos sobre temáticas similares. Por unha banda, a organización apostou por unir xeopolítica e inclusión, cun enfoque integral que pon de manifesto que “as relacións entre nacións non só se determinan en encontros diplomáticos ou campos de batalla, senón tamén nos compromisos diarios con temas como a xustiza social, o desenvolvemento sostible e a inclusión”.
Outro aspecto diferenciador é o carácter participativo do evento, fomentando a implicación real da sociedade no proceso científico e académico. “Cremos nun modelo innovador de investigación colaborativa que traspasa as liñas tradicionais deste tipo de iniciativas” e “o noso traballo estrutúrase nun proceso co-creativo que une entidades sociais, administracións, organizacións locais e internacionais cun equipo multidisciplinario de investigadores e facilita o diálogo e o intercambio de coñecementos entre as partes, asegurando que as investigacións respondan ás necesidades reais da sociedade”, destacan dende o comité organizador. Así, terán un papel destacado no evento tanto os centros educativos como institucións públicas e organizacións do movemento asociativo, contando coa participación dos eurodeputados Ana Miranda e Nicolás González Casares ou representantes de Down Galicia ou Amnistía Internacional.
Programa da primeira xornada
Tras o acto de apertura, o congreso arrancará mañá venres ás 17.00 horas co relatorio A xeopolítica e a diversidade a debate, da man de Heriberto Cairo Carou, da Universidade Complutense de Madrid. De seguido, Down Galicia presentará o proxecto: ARISE: AmoRe IncluSive Education e logo será a quenda de falar sobre o Parlamento Europeo co eurodeputado socialista Nicolás González Casares, que tras o seu relatorio debaterá sobre a representación política co alumnado local. A xornada pecharase coa presentación do programa Europa Futura e do alumnado inscrito no mesmo.
Programa do sábado
A xornada do sábado arrancará ás 10.00 horas falando sobre o conflito en Ucraína no contexto de diversidade plurinacional dos estados post soviéticos, da man de Ismael de la Villa Hervás, da Universidad Complutense de Madrid. A seguir intervirán os investigadores da UVigo Breixo Martins e Ainhoa García, que afondarán nos procesos migratorios europeos e as súas consecuencias “reais e imaxinadas”. Despois deles será a quenda do catedrático da USC Rubén Lois, que analizará as diversidades e conflitos xeopolíticos. Antes dunha pausa, celebrarase unha mesa redonda organizada por Amnistía Internacional sobre as voces esquecidas da xeopolítica na que intervirán dúas activistas e estudosas dos dereitos humanos e da muller en Oriente Medio: Khadija Amin, xornalista afgá e presidenta de Esperanza de Libertad, e Majedeh Bozorgi, da Asociación Iraní Pro Dereitos Humanos.
Ás 12.15 retomaranse as actividades coa intervención da profesora María Lois, da Complutense de Madrid, que explorará espazos para xeopolíticas diversas, incidindo nos museos como lugares de posibilidade. A seguir presentarase os proxectos de cooperación 'Agenda 2030 Local España-Portugal. Novas ferramentas para un mellor futuro rural', da man da profesora da Uvigo Maribel Doval, e 'Solstice: gestión de conflictos en entornos de investigación científica internacional', da man de Manon van Leeuwen (EOLAS).
A mañá completarse co relatorio Imaxinarios das diversidades: un contexto transfronteirizo, de Javier de Pablo, da Universidad Complutense de Madrid e coa conferencia Eurovisión e xeopolítica: da diversidade aos totalitarismos, a cargo de Rubén Rivas de Roca García, da USC. A clausura correrá a cargo da eurodeputada do BNG Ana Miranda, que falará sobre o papel de Galiza no parlamento europeo.
Despois do xantar, as persoas participantes poderán coñecer a contorna a través dun roteiro de sendeirismo inclusivo coa visita ao xacemento arqueolóxico da Torre de Meira, da man de responsables da escavación.