DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns o campus acolleu a proxección do documental 'Manfred, home sen paz'

Unha ventá aberta á historia do Alemán de Camelle

O director da peza e o coguionista falaron deste personaxe e da súa obra

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 30/04/2018

Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man ou O Alemán de Camelle, foi un artista alemán que viviu como un anacoreta no pobo de Camelle, na Costa da Morte, ata o seu falecemento no ano 2002. Pola súa obra e pola súa historia persoal, ten atraído a curiosidade do público antes e despois da súa morte. Co obxectivo de afondar na súa figura e na súa produción artística, este luns a Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu un acto no que se proxectou o documental sobre el Manfred, home sen paz e se desenvolveu unha charla na que participaron o director do audiovisual, Simón Vázquez, e o seu coguionista, David Formoso.

O acto, especialmente dirixido ao alumnado de terceiro curso do Grao en Xeografía e Historia pero aberto a toda a comunidade universitaria, estivo organizado polo profesor do centro Victoriano Nodar. As persoas asistentes puideron ao longo dos 72 minutos de duración da peza coñecer a evolución persoal e artística de Manfred Gnädinger a través do legado que deixou e dos testemuños doutras persoas que o coñeceron a el ou a súa obra. Segundo explicou o seu director, o documental, realizado en 2011, naceu co obxectivo de “dignificar a vida e a obra dunha persoa que consideramos un artista”. Nel, explicou Simón Vázquez, “quixemos responder á pregunta de quen é O Alemán: un xamán doutro tempo? Un fillo do cosmos?”.

Material e testemuños

Para responder a esta pregunta o director recorreu a tres testemuños: o do propio Manfred, a través dos seus textos e doutros documentos seus; o dos veciños e veciñas que o coñeceron e o de xente vinculada ao mundo da arte. Deste xeito, ao longo do documental a voz que recrea textos do protagonista e a voz do propio protagonista intercálanse coa de persoas que o coñeceron ou que coñeceron a súa historia e a voz de expertos e expertas no eido artístico. Neste percorrido o espectador achégase á súa evolución persoal desde que chegou a Camelle nos anos 60 e a súa transformación nos anos 70 en anacoreta ata a súa morte no ano 2002 tralo afundimento do petroleiro Prestige e a desolación que nel provocou a chegada ata a súa casa nas rochas dos restos de fuel. Paralelamente a esta evolución persoal foise debullando no audiovisual a súa obra artística e influencias creativas, explicando a súa filosofía de vivir en unión coa natureza que o rodeaba e como isto se trasladou á súa obra, e o a evolución da súa casa taller como museo. Tamén se abordou, entre outras moitas cuestións, o debate arredor de como conservar e difundir o seu legado.

A elaboración deste documental, non estreado en salas comerciais pero si en diferentes espazos vinculados con figura que aborda, baseouse, segundo explicou o seu director, non só no testemuño de persoas senón no material sacado de 45 caixas que conforman o seu legado. Partindo da idea de que neste caso “persoa, artista e arte son inseparables”, con este material, salientou Simón Vázquez, “queriamos ofrecer moitos puntos de vista para facernos unha idea global da persoa e do que fixo”. Froito do traballo realizado saíu, sinalou, un documental biográfico sobre “un artista que non lle interesa aos políticos” pero que si esperta curiosidade entre o público. Por este motivo, o director adiantou a súa intención de continuar traballando no coñecemento de Manfred abordando no futuro a realización dunha película documental.

Trala proxección do documental e a charla ao seu redor, a figura do Alemán de Camelle tamén serviu ás e aos asistentes para suscitar o debate arredor de cuestións como a vida no rural galego, os seus modelos de desenvolvemento pasados, presentes e futuros e a xestión do legado artístico.