O prazo de inscrición para entrar a formar parte do equipo está aberto ata finais deste mes
Tras un verán de éxitos, UVigo Motorsport busca novos membros para a escudaría universitaria
O monopraza UM26 demostrou ser o coche máis rápido e competitivo ata o momento
Despois dun verán de éxitos na Formula Student, a escudaría UVigo Motorsport arranca unha nova temporada poñendo en marcha o proceso de renovación do equipo. Como cada ano, o alumnado que remata os seus estudos deixa vacantes e ábrese a porta a novas incorporacións para os diferentes departamentos que conforman a asociación, dende Aerodinámica ou Chasis ata Dinámica, Electrónica, Propulsión, Organización & Marketing ou Coche Autónomo, pasando por Probas Estáticas e Coche Híbrido.
Co prazo de inscrición aberto aínda ata finais de mes, a escudaría universitaria está desenvolvendo o proceso de selección na procura de todo tipo de perfís, especialmente estudantes con coñecementos de enxeñería e técnicos, “pero también precisamos de coñecemento económico-financeiro e creativo”, como detalla a nova responsable de Márketing, Sofía Fernández. “Como todos os anos, estudantes de distintos perfís entran e saen do equipo, a finalidade é atopar novos membros aos que transmitir o coñecemento acumulado polo traballo e asegurar a viabilidade do proxecto en futuras xeracións”. A profundidade da renovación varía segundo cada departamento, e cada área xestiona de forma autónoma as entrevistas e as probas técnicas das e dos posibles candidatos.
Un exemplo de superación
Hai xusto un ano, a pasada temporada comezaba tamén coa procura de novos membros para a escudaría, pero todo se torceu en febreiro co incendio que destruíu parte do taller no que o equipo estaba a deseñar e fabricar o UM26, na Escola de Enxeñaría Industrial. Tocou, naquel momento, facer fronte ao imprevisto e dar unha resposta rápida: puxeron en marcha unha campaña de micromecenado para recadar fondos e, grazas ao apoio dos patrocinadores e do grupo CIMA e o Cintecx que lles cederon un espazo de traballo, conseguiron chegar ao verán co UM26 rodando polos circuítos europeos.
Foi unha demostración de resiliencia e, un ano despois, comezan unha nova temporada máis ilusionados, se cabe. “Ante os resultados positivos obtidos este verán e, a pesar do incidente do incendio, comezamos este curso con ganas de superarnos a nós mesmos. A situación crítica do ano pasado ensinounos a confiar no noso traballo e capacidade de superación. Un grande impulso para este curso 2026/2027”.
Un verán de éxitos en Europa
Ouro na proba de Cost & Manufacturing en Austria e podio de Acceleration en España. Os resultados acadados pola escudaría universitaria nas dúas probas disputadas este verán na Formula Student, poñer en valor a velocidade do seu mellor coche ata a fecha.
O balance que fan dende UVigo Motorsport é o dun “éxito rotundo”, xa que o monopraza UM26 acadou un “impresionante” 6º posto na clasificación xeral de FS Austria e un 5º posto en FS Spain. A primeira cita tivo lugar entre o 26 eo 30 de xullo no Red Bull Ring, en Spielberg, onde foron “os reis da xestión técnica e os custos”, xa que o gran fito da temporada para a escudaría viguesa chegou nas probas estáticas, concretamente na categoría de Cost & Manufacturing. O equipo “rozou a excelencia en Austria, coroándose no primeiro posto con 96 puntos sobre 100”, explican dende o equipo.
Apenas uns días despois, no circuíto de Montmeló, demostraron que o éxito acadado en Austria non foi por casualidade e subíronse de novo ao podio cun terceiro posto e 95 puntos. O equipo tamén brillou na defensa do seu proxecto ante os xuíces nas probas de Engineering Design e Business Plan Presentation, quedándose ás portas do podio de Design en ambas competición e demostrando a solidez técnica do grupo.
O UM26, o monopraza máis rápido da historia
En pista, o UM26 demostrou ser o coche máis rápido e competitivo que creou a escudaría olívica ata o momento, caracterizado por un menor peso e moito máis rendemento. Na proba de Acceleration, UVigo Motorsport acadou un “espectacular segundo posto en España tras empatar a puntos (70,1) coa UJI Motorsport”.
Este bo ritmo trasladouse tamén á proba de Skid Pad, na que acadaron unha “meritoria cuarta praza nacional” e quedaron moi preto do podio no circuíto austríaco. Por outra banda, na proba de Autocross, conseguiron sumar 56,5 valiosos puntos en Austria, aínda que diversos problemas técnicos limitaron a súa puntuación a 19,1 en España.
A outra cara da moeda foi o reto da resistencia, xa que o maior desafío do monopraza vigués foi a proba de Endurance e, en consecuencia, a de Efficiency. En Austria, a rotura dun palier non lles permitiu completar o test. Con todo, repuxéronse e traballaron arreo para a cita en Barcelona, na que, ao fin, o UM26 foi quen de completar esta esixente proba. Con todo, por mor de pequenos desaxustes técnicos de última hora, o equipo descualificado e non puido sumar os puntos que merecía nesta categoría clave.
A pesar destes contratempos, o equipo amósase orgulloso e moi satisfeito coa temporada. “As sensacións no asfalto non menten e o UM26 é o mellor monopraza da nosa historia. Regresamos con datos obxectivos e fundamentais para corrixir os problemas de fiabilidade e optimizar o vehículo de cara a esta nova temporada”.
