DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proxección terá lugar o día 6 de marzo no Edificio Politécnico

“Unha verdade incómoda”, protagonista dun vídeo-forum sobre o cambio climático

O investigador Marcos Tesouro conducirá o debate posterior

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 03/03/2008

Concienciar á xente do que sucederá se non freamos o cambio climático é o obxectivo da proxección no campus do documental Unha verdade incómoda baseado na campaña de educación sobre o quecemento global que Al Gore leva varios anos desenvolvendo. A través de información e experiencias de primeira man, o político explora o presente e o futuro deste problema mundial que ameaza ao planeta. Marcos Tesouro, investigador da área de Física da Terra, será o encargado de introducir o filme e de conducir o debate posterior, aportando a súa visión profesional.
Tesouro explicou que “o cambio climático no que se centra o documental é o antropoxénico, que é o que produce o home. A atmosfera sempre ten variacións que responden a uns patróns determinados pero a acción do home e, especialmente, a emisión de gases, produce alteracións respecto ao habitual”. No vídeo aparecen exemplos concretos destes casos, entre os que os máis frecuentes son “a aceleración das estacións co que iso convela: se a primavera vén antes, as plantas florecen antes e os animais alteran os seus ciclos reproductivos. Tamén os desxeos dos polos e das montañas, que fan que aumenten os caudais dos ríos e polo tanto, suba o nivel do mar. Ademais, estanse a alterar os fenómenos meteorolóxicos máis intensos, como a calor extrema ou as chuvias torrenciais” dixo.
A finalidade é, segundo o investigador, “entender que é iso do cambio climático que escoitamos nas noticias a todas horas e transmitir unha mensaxe clara: se non lle poñemos freo a isto, o planeta vénsenos abaixo moito antes do que pensábamos” dixo Tesouro . “O propio Al Gore traballa dando conferencias por todo o mundo para explicar os aspectos políticos e económicos do problema e as súas consecuencias. De feito, fai unhas semanas estivo en Sevilla” comentou.

Un documental moi premiado

O documental foi publicado en DVD por Paramount Home Entertainment en novembro de 2006 nos Estados Unidos. Grazas a el, Al gore gañou o premio Nobel da Paz en 2007, compartido co Grupo Intergubernamental de Expertos sobre Cambio Climático de Nacións Unidas. Ademais recibiu nese mesmo ano o premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional, así como o Oscar en 2006 ao mellor documental e á mellor canción orixinal, por I Need to Wake Up.

Cambio de data

A proxección, que é a primeira actividade divulgativa enmarcada dentro da Intercultural, terá lugar o 6 de marzo ás 20.00 horas no salón de sctos do Edificio Politécnico, e non o día 3 como estaba previsto no calendario distribuído. Poderán asistir e participar no debate posterior todos os que o desexen, sexan ou non membros da comunidade universitaria.
Ademais para este mes están previstas outras iniciativas dentro do novo programa cultural que inclúe as actuacións de El Meswy o día 13 e Os dous de sempre, con Cantareiras, o 26.