DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso organizado pola ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación

Verdades e mitos sobre os efectos das instalacións radioeléctricas na saúde

O programa complétase coa instrución no manexo dos sistemas de medición

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 21/02/2008
Unha parte médica e lexislativa e unha sección técnica son os módulos nos que se divide o curso que baixo o título Medida e certificación de estacións radioeléctricas se imparte estes días na ETSE de Telecomunicacións. “Nas protestas dos cidadáns polas antenizacións inflúe moito o medo ao descoñecido, e en certo modo, este seminario ten unha compoñente de explicar qué pode pasar e cal é a situación científica con respecto ao tema”, tal como afirma Iñigo Cuíñas, organizador do curso, que engade que “para isto os contidos que abarca son moi amplos”.
Nun primeiro capítulo, o seminario da a coñecer aos alumnos os efectos demostrados cientificamente das ondas electromagnéticas sobre a saúde humana, así como os estudos que fixan os niveis radioeléctricos permitidos.
O segundo episodio versa sobre a metodoloxía empregada na elaboración das normativas legais en vigor na maior parte dos países, que “están baseadas nos valores facilitados polo ICNIRP, unha comisión internacional que estuda a radiación non ionizante”, apunta Cuíñas, que engade que “a última lección é a referida ao proceso para chegar a comprobar que se cumpre a normativa e ten como obxectivo capacitar aos alumnos para o manexo os equipos de medida das radiacións”.
Como complemento da formación, hai un apartado de comunicación social dos riscos das estacións radioeléctricas, no que “se tratarán os aspectos polos que a poboación está máis preocupada e os argumentos científicos que hai para cada un destes problemas”, sinala o profesor Cuíñas.

Docentes e alumnos

O curso está dirixido principalmente a alumnos da Escola, pero tamén se da cabida a membros dos servizos de Saúde Pública e Atención Primaria, a profesionais relacionados coas telecomunicacións e a persoas implicadas na redución de riscos laborais. Cuíñas destaca a gran aceptación que este seminario ten entre os estudantes, posto que “o seminario vai pola segunda edición e xa se está plantexando a posibilidade dunha terceira. Ofertáronse vinte prazas e houbo máis de corenta preinscritos”.
Da outra banda, os encargados de impartir a docencia son, xunto con Íñigo Cuíñas, o profesor Manuel García Sánchez, tamén do Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións, e a médica Margarita Castro, membro do servizo de epidemioloxía do Sergas. “Ela será a encargada de explicar os efectos dos campos electromagnéticos sobre a saúde”, apunta Cuíñas, que engade que “ofrecerá unha visión cualificada dun tema candente que está cambiando continuamente coa aparición de novas informacións, non só na prensa, senón tamén traballos de investigación científica”

A visión científica dos efectos das instalacións radioeléctricas

Os científicos dividen o espectro radioeléctrico en dous tramos: ondas ionizantes, cando a súa frecuencia é alta, e ondas non ionizantes, entre as que se atopa a telefonía móbil, a televisión e as redes wifi, e que son as que crean polémica na sociedade. “Está comprobado que estas últimas non poden causar cancro no sentido de que non contan coa capacidade de romper moléculas e causar mutacións en células. O que si poden facer é provocar quecementos corporais, e por este motivo hai estudos que determinan cales son os máximos niveis de campo magnético que unha persoa pode recibir para que o grao de quecemento do seu corpo non sexa prexudicial”, tal como apunta o profesor Cuíñas.
Deste xeito, estar exposto a un campo radioeléctrico pode producir un quecemento corporal, pero ata un determinado nivel os efectos deste proceso son mínimos e inofensivos. A partir de incrementos de temperatura superiores a un grao durante máis de seis minutos seguidos, o corpo xa non é capaz de compensar os efectos, e “precisamente este é o punto a partir do cal se calculan os valores de campo eléctrico que se establecen como límites legais para a exposición nun punto da rúa, por exemplo”, afirma Cuíñas, que engade que “os niveis legais establecidos quedan moi por debaixo do punto no que as radiacións poderían empezar a afectar ao quecemento do corpo.
A lexislación con respecto a este tema está feita en función dos estudos que a Organización Mundial da Saúde considerable aceptables, é dicir, en función de datos obxectivos obtidos por científicos de distintas partes do mundo.