DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantado e persoal do centro protagonizaron un recitado en Ciencias da Educación e do Deporte

Versos, música e redes sociais para conmemorar o Día da Poesía

Outra das actividades pón o foco nos ‘influencers’ que utilizan linguas minorizadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Pontevedra 21/03/2023

O recitado de poemas, tanto propios como de diversos autores, por parte do alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos do centro protagonizou, xunto coa música, o festival A poesía dá a nota, que a Comisión PEA-Unesco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte promoveu este martes con motivo do Día Mundial da Poesía. Ao mesmo tempo, coa idea de conectar esta conmemoración coa do Día da Lingua Materna e Herdada, ao longo desta semana desenvólvese neste centro a actividade Haquea os algoritmos, na que se convida ao alumnado a incorporar a un muro nomes de influencers que empreguen o galego ou outras linguas minorizadas.

“Xuntamos varias celebracións nunha semana sobre as linguas”, sinala o profesor Carlos Valcárcel, responsable xunto coa docente Ana Acuña, dunha serie de propostas que viron complementadas pola conmemoración, este luns, do Día Internacional da Francofonía, a través dunha serie de carteis que permiten acceder aos recitados de diferentes poetas.

A poesía dá a nota

Ese era o título do festival que combinou o recitado de poemas co achegamento proposto polo profesor Marco Lucato ás posibilidades da música “como un medio para expresar a poesía”. Fíxoo interpretando ao piano as melodías compostas para pór música a Negra Sombra, de Rosalía de Castro, e Poster, de Claudio Baglioni. Alén disto, o evento serviu tamén para pór en valor ante o alumnado, lembrou Acuña, “a estudantes de facultade que son tamén poetas” e que recitaron varias das súas creacións. Ese foi o caso de Diego Bará, Laura Chaves, Xiana García, Olivia Lens e Xelo Teijido.

As súas creación sumouse a escolla de poemas de autores e autoras como Tamara Andrés, Miriam Ferradáns e Marta Dacosta, recitados polos estudantes Antonio González, Lucía López e Carmen Pérez. Igualmente, tamén participou neste acto o PAS do centro Luis Pita, que deu lectura a uns versos de Carlos Solla, e a docente e escritora Elvira Riveiro, que recitou á poetisa irlandesa Mary Dorcey. 

As linguas minorizadas nas redes

Unindo esta conmemoración co Día Internacional da Lingua Materna e Herdada, a Comisión PEA-Unesco promove tamén, ao longo desta semana, Haquea o patriarcado. Trátase dunha iniciativa na que se convida á comunidade universitaria a escribir nun papel adhesivo, que logo colocarán nuns paneis situados na entrada do centro, “o nome de influencers que sigan en lingua galega ou outra lingua minorizada”, xunto cun mínimo de tres palabras que describan os temas que máis trata esa persoa. 

“Dado que vivimos nunha realidade multicultural, a escola debe escoitar a diversidade lingüística do estudantado”, salientan os promotores dunha actividade na que se anima tamén ás persoas participantes á compartir nas redes fotografías e vídeos asociados a esta iniciativa. Ao mesmo tempo, co propósito de “coñecer máis sobre as linguas maternas, herdadas e ambientais na nosa facultade”, convídase tamén ao alumnado a participar nunha enquisa coa que coñecer os idiomas nos que se comunica habitualmente, tanto na súa contorna persoal e académica como a través das redes. Entre as e os participantes, explican, sortearanse “tres premios relacionados coa lingua materna ou herdada”.

Poesía nos corredores do centro

Esta semana dedicada ás linguas complétase coa exposición promovida polo grupo de investigación Latex, da Sección de Filoloxía Francesa da UVigo, o grupo de innovación educativa ME.RE.LING e a Comisión PEA-Unesco con motivo do Día Internacional da Francofonía, que se conmemoraba este luns 20 de marzo. A través dunha serie de carteis que poden atoparse polos corredores da facultade, pódese acceder, mediante códigos QR, a “unha pequena exposición poética dixital”, na que ler e escoitar versos de Héléne Dorion, Anise Koltz, Lisette Lombé, Jean-François Poupart, Jacques Roubaud e Adams Sinarinzi.