Cos once concertos que integran o programa do V Festival Internacional de Creación Musical Contempor
Vertixe Sonora e Campus CREA S2i alíanse para encher Pontevedra e Vigo de sons de vangarda
Varios dos compositores participantes impartirán conferencias e obradoiros en Belas Artes
Expandida e reforzada grazas á súa alianza co Campus CREA S2i da Universidade de Vigo. Deste xeito presentouse este xoves a quinta edición do Festival de Creación Musical Contemporánea, que Vertixe Sonora promove xunto co proxecto de especialización do campus pontevedrés e que entre o 1 de outubro e o 25 de novembro proporá once concertos, dos que catro son estreas absolutas, en diferentes espazos das cidades de Pontevedra e Vigo. O vicerreitor Juan Manuel Corbacho, o director artístico de Vertixe, Ramón Souto, e o profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Barcia presentaron no Marco de Vigo o programa desta “proposta de vangarda que nos achega desde diferentes prismas á música contemporánea”, como salientou o vicerreitor, e que completa os concertos con encontros con compositores e obradoiros como os que acollerá Belas Artes.
Como “un proxecto singular e innovador”, definiu o vicerreitor un festival co que a Universidade dá neste 2017 “un paso máis” na súa colaboración, ao abeiro dun proxecto de especialización centrado na creatividade e na innovación social e sustentable e definido por un “enfoque multidsciplinar” que a Vicerreitoría busca explorar tamén na súa programación cultural. Enfoque ao que responde un festival que permite “tomar o pulo da creación sonora en tempo real” e caracterizado pola súa “vontade internacional”, pola súa aposta pola investigación e a produción propia e pola súa conexión “coa realidade social e a súa contorna”, como salientou Corbacho, que destacou a colaboración de 28 entidades co festival e a súa aposta polo “diálogo interdisciplinar”
“O Festival Vertixe Sonora é un proxecto que quere visibilizar o traballo invisible para o gran público ao redor da música contemporánea”, facendo especial fincapé nas mulleres creadoras, salientan deste a organización du evento orientado a achegar a música contemporánea a novos públicos, a través das actividades que terán lugar no Marco, no Conservatorio Superior de Música de Vigo edo ciclo Da arte sonora e da música contemporánea, que este venres bota a andar en Belas Artes cunha conferencia do compositor, improvisador e activista Dror Freiler.
A estrea e o peche, en Vigo
Este músico israelí residente en Suecia será un dos protagonistas de The flickering sound of the signifier, o concerto co que este domingo arrinca o festival no Museo Verbum de Vigo, e no que o ensemble de Vertixe Sonora estreará a peza encargada a Freiler. Nesta cidade programáronse tamén os recitais Vertíces hápticos, de Roberto Alonso e Tychonas Michailidis, o 26 de outubro, e Doll garden, da formación finesa Defunensemble, o 3 de novembro, en ambos casos no Marco. O museo será sede tamén, o 11 de novembro, de Doctrina scholastica nocet ad intelligentiam sanctuarum scripturarum, do solista Sisco Aparici e Limiar do abismo, do clarinetista Adam Starkie, actuación que o 25 de novembro porá peche á programación.Seis concertos en Pontevedra
Tras estender a súa programación, por primeira vez, a Pontevedra na pasada edición, este festival desenvolverá desta volta seis concertos na cidade. O primeiro deles, E-Piano, a cargo de Alberto Rosado Alberto Rosado, terá lugar o 14 de outubro no Teatro Principal. O xoves 19, na súa primeira actuación en Galicia, a formación francesa Ensemble Sillages interpretará Philae na sala Nemonon, e ao día seguinte presentará A batalla de Don Carnal e Dona Coresma na sala de exposicións do Pazo da Cultura. Nese mesmo espazo, Vertixe Sonora estreará o 22 de outubro Die Wanderung, seis pezas compostas pola premiada compositora Lula Romero, cuxo traballo se caracteriza por conectar o hoxe coas teorías e prácticas feministas.Xa en novembro, o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá o sábado 4 o concerto Amygdala de Defunensemble, e o día 18 (In)visible, dos suízos Tag Ensemble.
Tres compositores en Belas Artes
Ao abeiro deste festival e grazas á colaboración entre Vertixe Sonora e o grupo de investigación dx7, Belas Artes acolle desde este venres a segunda edición de Da arte sonora e da música contemporánea, ciclo que coordinan Barcia e Souto. Aberto a todas as persoas interesadas na creación sonora e con inscricións na secretaría do Decanato, o recoñecido músico e improvisador Dror Freiler será o encargado de poñerlle inicio este venres ás 13.00 horas cunha conferencia titulada O non ensino da composición ou o erro coma necesidade.Xa en outubro, os días 19 e 20 desenvolverase o obradoiro Espazos compartidos: espazo, material e estrutura, no que Lula Romero presentará diferentes estratexias de traballo que exploran o fenómeno do espazo na creación sonora, postas en relación á súa vez co feminismo e cuestións de igualdade social. Xa por último, o xoves 26, o compositor e intérprete chipriota Thychonas Michailidis, da Southampton Solent University, imparte o seminario Sistemas interactivos para música, no que presenta diversos métodos e técnicas para a captura e manipulación de datos para procesos de transformación de audio.
