Coa participación da poeta María do Cebreiro e da compositora Elena Rykova
Vertixe Sonora Ensemble arrancará no campus o seu ciclo de concertos 'Do Audible 2016'
A cita, que conta coa colaboración da Unidade de Igualdade, será o martes 7 de xuño ás 20.30 h
Do Audible, o ciclo de concertos de Vertixe Sonora Ensemble, arrancará o martes 7 de xuño a súa cuarta edición cunha sesión no campus de Ourense. Baixo o título Coma espellos dun calidoscopio, a cita terá como convidadas especiais á poeta María do Cebreiro e á compositora Elena Rykova e como temática central o papel da muller na música. Con esta actuación comezará o percorrido dunha iniciativa que, tal e como destacan os seus promotores, procura “achegar puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento contemporáneos na conquista dunha percepción musical máis consciente”. Para conseguilo, o ciclo percorrerá do 7 de xuño ao 4 de outubro as cidades de Ourense, Vigo, A Coruña e Pontevedra, cunha programación que pon o foco no dinamismo da creación contemporánea.
Este ciclo de concertos está promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa colaboración de Vertixe Sonora Ensemble, agrupación integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galicia e de Portugal, artistas sonoros e plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza. Cada concerto que integra Do Audible, indican os seus responsables, “organízase arredor dun foco temático e interactúa coa palabra cómplice de relevantes personalidades do mundo da cultura, que achegan informacións e perspectivas de interpretación do feito musical que resultan enriquecedoras para os oíntes”.
O papel da muller na música
Para abrir o ciclo, en Ourense proporase unha reflexión sobre o papel da muller na música e especialmente na creación contemporánea, cun “programa protagonizado fundamentalmente polas obras de compositoras novas, en activo, que nos mostran, xunto á voz da poeta, tendencias e liñas de traballo”. A cita, que conta neste caso coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense e da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, terá lugar o día 7 de xuño ás 20.30 h na Sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro e será aberta a todas as persoas interesadas. O programa incluirá as pezas Just shine a little (2014) para violín só, de Anna Romashkova; The square of yellow light that is your window (2014) para saxo, piano, percusión e guitarra eléctrica, de Ann Cleare; Studies in resonance II (2013) para piano só, de Elo Masing; Lai de bisclolet (2008) para saxo e percusión, de Tania Lanfer, e Noch (2016, versión revisada) para saxo, guitarra eléctrica, percusión e piano, de Daniela Fantechi.De xeito análogo ao que acontece noutros ámbitos da creación, explica o docente da Universidade de Vigo Ignacio Barcia, colaborador no proxecto, “a presenza das mulleres na música, ou máis ben a súa visibilidade, é moi deficiente”. As carreiras truncadas por mor da presión social e familiar, sinala, replícanse constantemente ao longo da historia. “Novas e prometedoras compositoras que, tras unha presenza esporádica no circuíto, rematan no eco da historia como devotas irmás ou esposas de e circunscriben a súa influencia a un ámbito íntimo: Nannerl Mozart, Fanny Mendelssohn, Clara Schumann, Alma Mahler (este caso é especialmente flagrante), as irmás Boulanger...”, indica o profesor da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. Neste contexto, Do Audible pretende suscitar a reflexión sobre este pasado e sobre unha realidade actual máis normalizada.
