DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa actuación de Vertixe Sonora Ensemble o xoves ás 14.00 horas no vestíbulo da escola

Vertixe Vigo converte a ETSE de Minas nunha sala de concertos

Docentes e alumnado terán a ocasión de escoitar e ver un pouco habitual dúo de percusión e arpa

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 25/11/2014

Un parón entre clase e clase, un respiro entre apuntamentos e exames para gozar da música contemporánea. Isto é o que lle propón á comunidade universitaria Vertixe Vigo 2014, o Festival internacional de creación musical contemporáneo, que, tras pasar pola Facultade de Belas Artes, recala este xoves no campus de Vigo coa actuación de dous dos artistas de Vertixe Sonora Ensemble, un sorprendente dúo de percusión e arpa da man do brasileiro Luis Bittencourt e a española, afincada en Oporto, Angélica Vázquez. A actuación será ás 14.00 horas no vestíbulo da ETS de Enxeñaría de Minas, onde o ciclo xa fixera unha primeira parada na súa edición de 2013.

“Para nós é un pracer acoller este tipo de actividades na escola”, subliñou o director do centro Benito Vázquez, que fixo fincapé no positivo de “ir achegando tamén ás facultades e escolas as actividades culturais transversais que se organizan na Universidade”. Nesta ocasión o concerto será a presentación en España das obras da islandesa Anna S. Porvoldsdóttir e do coreano Ju Ri Seo e será tamén, a xuízo dos organizadores, “unha ocasión extraordinaria para gozar da variedade da percusión contemporánea a través dun programa que combina autores plenamente consolidados e novas promesas internacionais”, subliñou Ramón Souto, compositor e director de Vertixe Vigo, ao tempo que recalcou que o espectador terá a oportunidade de achegarse a diferentes combinacións instrumentais, que van dende a percusión soa, ata a percusión e electrónica ou, incluso, un dúo de percusión e arpa, algo moi moi pouco habitual. “En concreto neste concerto poderá escoitarse o vibrófono, un instrumento similar ao xilófono, pero con láminas de aluminio, que, sen dúbida, merece a pena escoitar”, recalcou Souto.

Un escenario distinto para unha música diferente

Como escenario elixiuse o vestíbulo da ETS de Enxeñaría de Minas, unha obra de César Portillla e Gabriel Santos Zas, “o nodo que conecta todo o ámbito tecnolóxico na nosa Universidade”, subliñou o director da escola, que fixo fincapé en que se trata dun lugar de paso e tamén de encontro para todo o relacionado co ámbito da tecnoloxía. A amplitude deste espazo permite albergar todo tipo de actividades e facilita que todos aquelas persoas que estean interesadas poidan achegarse a un concerto, que é totalmente gratuíto. “É tamén o noso particular xeito de achegar a música contemporánea a un contexto de escoita moi distinto ao habitual”, subliñou o responsable de Vertixe, que reflexionou tamén sobre a relación entre “espazo e memoria” e o feito extra de que profesorado e alumnado “se atope de repente na escola cunha actividade musical destas características”.

Vertixe Vigo

Vertixe Vigo é un programa de concertos e actividades que ofrece unha panorámica ampla e sen prexuízos da creación sonora internacional e que inclúe concertos de música contemporánea, música electrónica, música improvisada e obradoiros especializados para achegalos ao público en xeral.
Plataforma de presentación aos novos creadores, Vertixe Vigo permite establecer vínculos culturais que fortalecen a identidade local nun marco globalizado, dando mostra en tempo real da rica diversidade que está a renovar o discurso das artes sonoras na nosa época e na que este colectivo quere desempeñar un activo protagonismo.