DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo con arredor dun cento de asistentes

O VI Ciclo de conferencias de Dereito da Competencia pon o foco nos temas de propiedade intelectual

Tres especialistas afondan en temas como dereitos de autor, acordos verticais e cryptoarte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
D. Besadío DUVI 28/09/2022

Arredor dun cento de persoas participaron este mércores na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no VI Ciclo de conferencias de Dereito da Competencia e da Propiedade Industrial e Intelectual, unha actividade organizada pola Área de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo co obxectivo de darlle a oportunidade, tanto ao alumnado do centro como ás persoas interesadas en xeral, de analizar as cuestión máis relevantes e actualizadas que afectan a estas disciplinas da man de profesionais de recoñecido prestixio.

A inauguración do encontro  contou coa participación do decano da facultade, Francisco Torres, e o profesor Pablo Fernández Carballo-Calero, coordinador das xornadas, quen explicou que, nesta ocasión, se decidiu pór o foco das xornadas en diferentes temáticas relacionadas coa propiedade intelectual.

Entre os poñentes contouse coa partición de Rocío Quintáns, catedrática da Universidade da Coruña, “unha das grandes expertos en materia de Dereito da Competencia e contratos”, tal e como destacaron desde a organización; con Rafael Sánchez Aristi, catedrático na Universidad Rey Juan Carlos de Madrid e socio no despacho de avogados Cuatrecasas na área de Propiedade Intelectual e Novas Tecnoloxías; e con Guido Noto La Diega, profesor da Universidade de Stirling, no Reino Unido, e membro do Grupo de Expertos da Comisión Europea sobre Educación e Intelixencia Artificial.

Educación e dereitos de autor en tempos de pandemia

Recén chegado desde Edimburgo, Guido Noto foi, precisamente, o encargado de impartir a conferencia inaugural, unha intervención na que se centrou en analizar os impactos que tivo a covid-19 na relación entre a educación e o dereito de autor. En concreto, o experto analizou a normativa das distintas universidades en relación á obriga de gravación das clases e das charlas impartidas polos docentes, cuestionando se aínda existe liberdade académica na universidade da era pandémica.

No caso da conferencia de Rafael Sánchez Aristi, relacionada co mundo da cryptoarte, meteuse de cheo nos diferentes aspectos que afectan á propiedade intelectual e propiedade ordinaria dos Non-Fungible Tokens (NFTs), activos non tanxibles soportados nun código de blockchain, títulos de propiedade dixital sobre unha obra de arte, unha peza de moda, un tweet... que están considerados como únicos e non intercambiables e, en consecuencia, cun solo propietario. Pola súa banda Rocío Quintáns centrouse nas novas propostas sobre os denominados acordos verticais, unha categoría moi ampla na que se engloban as relacións comercias como as de distribución, franquicia e, en xeral, os acordos de colaboración entre empresas non competidoras ou situadas en niveis diferenciados da cadea produtiva.