DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres celebrouse no campus o acto de entrega dos galardóns

O VI Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia premia a escolares de seis centros da provincia

O certame recibiu 130 traballos visuais e literarios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 18/02/2022

Este venres o campus de Ourense celebrou a entrega de galardóns do VI Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Nesta ocasión, entre os 130 traballos visuais e literarios recibidos, a organización premiou a 12 estudantes de Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria procedentes de seis centros educativos da provincia de Ourense.  

Este certame organízase cada ano co gallo da celebración o día 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e é froito do traballo conxunto da Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, que cada ano unen forzas para organizar diferentes accións destinadas a potenciar e visibilizar a presenza da muller na I+D+i baixo o paraugas da iniciativa eXXperimenta en Feminino. Ademais, conta co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo.

Na entrega de premios, en nome da organización, a profesora Nieves Lorenzo destacou que estes galardóns queren contribuír a “rachar a fenda de xénero existen nas carreiras STEM” e agradeceu ao alumnado e a ao profesorado dos centros educativos que participaron a súa implicación nesta iniciativa. A entrega contou ademais coa participación da alumna de Enxeñaría Biomédica da Universidade de Vigo Iria Ollero, que falou ás rapaces e rapaces asistentes da súa experiencia como estudante dunha enxeñaría e tamén do seu compromiso coa divulgación científica.

Modalidade visual e literaria

O certame contou con dúas categorías, unha de Educación Primaria e outra de ESO, e dúas modalidades, unha visual (destinada a premiar debuxos, sons, vídeos e fotografías) e outra literaria (para textos de ata 900 palabras). Na modalidade visual, en Educación Primaria, o primeiro premio foi Brais Lorenzo, o segundo para Alexandra González e o terceiro para Zoë Coetzee, todos e todas elas do CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle, de Ourense. En Educación Secundaria Obrigatoria, o primeiro premio foi para Alicia Carid, do CPR Plurilingüe la Purísima, de Ourense; o segundo para Noa Varela, do CPR Plurilingüe Santa María, tamén de Ourense, e o terceiro para Claudia Garza, do IES Xesús Taboada Chivite, de Verín.

Na modalidade literaria, en Educación Primaria, o primeiro premio foi para Isabel Delgado, do Colexio Pablo VI, de A Rúa; o segundo para Iria Rodríguez, do mesmo centro, e o terceiro para Sofía Rodríguez, do CPR Plurilingüe Santa María, de Ourense. En Educación Secundaria Obrigatoria, o primeiro premio foi para Irea Cid, do IES Allariz, de Allariz; o segundo para Daniel Blanco, do Colexio Pablo VI, de A Rúa, e o terceiro para Sara Feijóo, tamén do IES Allariz.

A selección dos traballos gañadores realizouna un xurado composto por docentes dos centros organizadores. Na modalidade visual valorouse “a calidade técnica, a orixinalidade, a creatividade e o tratamento da temática do concurso” e na literaria “o estilo, a capacidade de razoamento, a orixinalidade e o tratamento da temática do concurso”, destacando desde a organización a boa calidade dos traballos presentados nesta edición. O premio recibido polas e polos galardoados consistiu nunha calculadora científica Casio Women in Science, un libro, unha taza e un diploma xustificativo do premio.

Debuxos premiados