DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar os días 8 e 9 de outubro

O VI Congreso Internacional do Campus Auga analizará a aplicación da innovación aeroespacial na xestión ambiental e agraria

Nel abordarase a interrelación entre satélites, plataformas de altitude, drons e teledetección

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 29/05/2026

O congreso internacional que celebra periodicamente o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos e a agroalimentación, xa ten datas e temática. A súa sexta edición terá lugar os días 8 e 9 de outubro e nesta ocasión centrarase na innovación aeroespacial aplicada á xestión ambiental e agraria.

Este VI Congreso Internacional do Campus Auga, que ten por lema Sistemas aeroespaciais para respostas multisectoriais ante desafíos ambientais, está organizado pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense e promovido polo Campus Auga, proxecto de especialización acreditado e financiado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Conta ademais co patrocinio da Deputación de Ourense. “Nun escenario global marcado pola presión sobre os recursos naturais, a intensificación dos fenómenos climáticos extremos e a necesidade de avanzar cara a modelos de desenvolvemento máis sostibles, este congreso propón unha mirada integradora e estratéxica sobre o potencial das tecnoloxías aéreas e espaciais”, sinalan desde o comité organizador, presidido por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. 

Intercambio de coñecemento e a xeración de sinerxías

A cita “preséntase como un espazo de referencia para comprender como a innovación aeroespacial está a redefinir a xestión ambiental e a resposta aos grandes retos ecolóxicos do noso tempo”. Así, o encontro buscará reunir a persoal investigador, profesionais, empresas tecnolóxicas, entidades do sector primario e administracións públicas, “creando unha contorna única para o intercambio de coñecemento e a xeración de sinerxías”. O eixo central do congreso será “a interrelación entre satélites, plataformas de grande altitude (HAPS), drons e tecnoloxías de teledetección, "ferramentas que están a revolucionar a forma en que observamos, analizamos e xestionamos o territorio”. A programación articúlase arredor de catro bloques temáticos: agricultura de precisión e produción sostible; xestión da auga e recursos naturais; incendios forestais e seguridade ambiental e cambio climático, urbanismo e planificación territorial na xestión das augas termais. 

Ao longo do programa, presentaranse os avances máis recentes en ámbitos clave como a monitorización de cultivos e agricultura de precisión, “con aplicacións que permiten optimizar rendementos, reducir custos e minimizar impactos ambientais”, e a xestión eficiente da auga mediante sistemas de observación capaces de anticipar necesidades e mellorar a planificación hídrica. Tamén se abordará a prevención e xestión de incendios forestais, “onde a información en tempo real e os modelos preditivos convertéronse en aliados imprescindibles” e os impactos do cambio climático, “analizados desde unha perspectiva transversal que conecta ciencia, tecnoloxía e políticas públicas e onde modelos de predición ambiental que integran datos aeroespaciais permiten anticipar riscos, avaliar escenarios e apoiar a toma de decisións”.

A programación do congreso, indican desde a súa organización, combina relatorios, mesas redondas con especialistas multisectoriais, demostracións tecnolóxicas e presentación de casos de éxito reais que “amosan como estas ferramentas xa están a transformar a xestión ambiental en múltiples sectores”. Esta diversidade de formatos, engaden, permitirá ao público asistente “coñecer tanto os fundamentos científicos como as aplicacións prácticas que están a marcar tendencia”. En todo caso e máis aló da presentación de resultados e proxectos, “o VI Congreso Internacional do Campus Auga concíbese como un punto de encontro estratéxico para impulsar a colaboración entre sectores, fomentar a transferencia de coñecemento e promover solucións innovadoras que reforcen a resiliencia ambiental”. A súa vocación, subliñan desde a UVigo, “é clara: contribuír a que a sociedade dispoña de mellores ferramentas para afrontar os desafíos presentes e futuros”.