DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar o 20 e 21 de xuño en Santiago de Compostela

O VI Congreso Rede Localis abordará a “reforma inconclusa das competencias locais”

Coa participación de arredor dunha vintena de especialistas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 18/06/2024

A Rede Localis, xestionada polo grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, organiza os días 20 e 21 de xuño en Santiago de Compostela o seu sexto congreso anual. Nesta ocasión, a cita ten como eixe temático A reforma inconclusa das competencias locais e nela participará arredor dunha vintena de especialistas. A actividade enmárcase dentro da Cátedra de Bo Goberno Local posta en marcha entre a Consellaría de Presidencia da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo co obxectivo de modernizar o marco lexislativo local.

Segundo explican desde a organización do congreso, “unha década despois da gran reforma da administración local, o proceso aínda está inacabado”. Así, detallan, a reforma enmarcada nos traballos da Comisión para a Reforma das Administracións Públicas tiña por obxecto “unha administración, unha competencia”, para evitar duplicidades administrativas e racionalizar o gasto público. “Con todo, a necesidade de definir as competencias segue sendo unha materia pendente de complexa solución. Sen dúbida, a delimitación competencial e as implicacións económicas e xurídicas de todo este proceso esixen unha análise rigorosa da realidade municipal en Galicia”, afirman desde a Rede Localis.

Neste contexto, nas diferentes mesas e conferencias do VI Congreso Rede Localis “trataranse os temas de maior impacto, como o gasto en servizos non obrigatorios, o papel das deputacións provinciais, o custo efectivo dos servizos municipais, coa perspectiva da autonomía local e a concorrencia de diferentes administracións sobre unha mesma área competencial”.

Dous días de actividade

A xornada do día 20 arrancará cunha mesa redonda baixo o título A reforma local dez anos despois: balance e perspectiva de futuro, na que participarán a directora xeral de Administración Local de Galicia, da Xunta de Galicia, Natalia Prieto, e Patricia Vilán, secretaria xeral e interventora da Federación Galega de Municipios e Provincias. A sesión da tarde contará coa participación de Alberto Vaquero, que fará unha análise das competencias locais desde a óptica económica, comentada por Miguel Anxo Santirso, tesoureiro da Deputación de Pontevedra. Ademais, a profesora da Universitat de Barcelona Maite Vilalta falará do gasto en servizos non obrigatorios e haberá un relatorio sobre competencias locais e control externo a cargo de membros do Consello de Contas de Galicia.

A segunda xornada, comezará cun relatorio do catedrático da USC Luís Míguez sobre a delimitación competencial entre comunidade autónoma e entidades locais en Galicia e seguirá cunha mesa redonda con Luís Feijoo, asesor xurídico da Deputación de Pontevedra, Ana Ramos, secretaria xeral do Concello de Pontedeume, e Eloisa Carbonell, da Universidad de Jaén, na que se abordará o papel das deputacións provinciais no modelo de competencias locais. Posteriormente terá lugar o relatorio Repensando os municipios do futuro: máis competencias ou máis capacidade de xestión?, con Javier Suárez, da Universidad de Oviedo. Como clausura, o director xeral do Instituto de Estudos Fiscais (Ministerio de Facenda) Alain Cuenca, impartirá unha conferencia sobre autonomía e competencias locais nun estado descentralizado. A clausura será realizada polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, xunto cos codirectores de Rede Localis, que son Concepción Campos (secretaria de administración local) e Alberto Vaquero (profesor titular da Universidade de Vigo).