DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un concerto dedicado a novas compositoras abre o festival este xoves no Pazo da Cultura

O VI Festival Vertixe Sonora propón nove citas coa vangarda sonora en Pontevedra, Vigo e Cangas

O certame compleméntase cun programa formativo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/09/2018

Nove citas coa música contemporánea que inclúen a estrea mundial de varias composicións por parte de artistas e formacións de diferentes países integran o programa do sexto Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea, que Vertixe Sonora promove xunto á Vicerreitoría e o Campus Crea S2i. Con seis propostas en Pontevedra, dúas en Vigo e un concerto en Cangas, o festival que se desenvolverá entre o 20 de setembro e o 5 de novembro arrinca este xoves no Pazo da Cultura de Pontevedra cun concerto, financiado pola Unidade de Igualdade da Universidade, que dedica o seu programa ás creacións de cinco mulleres compositoras e suma ao seu programa diferentes propostas que vinculan á música coa performance, a poesía ou o circo contemporáneo. 

O director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Manuel Morquecho; a concelleira de Cultura, Carme Fouces, o profesor da Facultade de Belas Artes e coordinador do ciclo, Ignacio Barcia, e o director artístico de Vertixe Sonora, Ramón Souto, presentaron este mércores o programa dun festival que, como salientou Morquecho, é froito da “colaboración entre diferentes entidades e colectivos”. De feito, 21 entidades internacionais,  lembrou Barcia, colaboraron, por exemplo financiando aos músicos e formacións participantes, na articulación dun festival que reúne “unha porcentaxe bastante grande de estreas de compositores actuais”. O coordinador do ciclo incidiu nese senso en que se trata dun “evento de referencia dentro do ámbito da música contemporánea”, co que a Universidade de Vigo “viu colaborando desde os inicios” e que “arroupado polo Campus Crea toma unha dimensión e potencia maior”. Nese senso, Barcia puxo en valor o papel que a institución académica pode xogar, como axente cultural, á hora de transferir o coñecemento xerado no eido da “cultura de vangarda”, mentres que Fouces subliñou a vontade do Concello de “tentar apoiar e visibilizar todo o traballo do Campus Crea”.

Cinco compositoras abren o programa

A agrupación madrileña Neopercusión, “un dos grupos máis importantes da música contemporánea”, será a encargada de abrir, este xoves  ás 20.30 horas, a sexta edición deste festival. Farao nun concerto titulado Espellos, cintas, berros e almofadas e choiva, financiado pola Unidade de Igualdade e enmarcado no programa Eleusis de visibilización da muller compositora. Integrado por pezas de Elena Rykova, Edith Alonso, Irene Galindo, Raquel García Tomás, e Cecilia Ardito, tratase dun concerto “no que os instrumentos tradicionais estarán desaparecidos”, sendo substituídos por obxectos como mesas de ping pong ou lanternas máxicas, nunha “proposta que dialoga entre a música, a performance e a electrónica”, explicou Souto.

Outras cinco citas en Pontevedra

O xoves 4 de outubro, a Casa das Campás acollerá Ritual, un concerto de Jean-Étienne Sotty que permitirá escoitar por primeira vez en Galicia un “acordeón microtonal”. Ao día seguinte, Pontevedra acollerá tamén a presentación en España, trala súa recente estrea en París, de Un atractivo raro, un espectáculo que combina a música contemporánea, a danza, a mímica e a poesía, deseñado polo Ensemble Regards e a compañía Vahram Zayran e que combina sobre o escenario a dous músicos e dous acróbatas. 

Á semana seguinte, o festival achégase á basílica de Santa María a Maior, onde a violinista polaca Linad Jankowska interpretará tres obras para violín de Pablo Vergara, Yoshiaki Onishi e Pierluigi Billone, mentres que o 27 de outubro a igrexa de San Bartolome acollerá Veredas, concerto no que o saxofonista valenciano Ricard Capellino interepretará seis pezas que o compositor Alberto Posadas realizou insipirándose en poemas do ourensán José Ángel Valente e coas que proporá “unha viaxe por diferentes zonas da igrexa”, explicou Souto. Por último, o festival pecharase o 5 de novembro na igrexa de San Francisco cun concerto do violoncelista de Vertixe Sonora Ensemble Thomas Piel, que servirá para a “estrea mundial” dunha nova peza de Xacobe Gaspar Grandal.

Concertos en Vigo e Cangas

O Auditorio Martin Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo será o escenario de dous dos concertos inseridos neste programa, O paradoxo da visibilidade, primeira actuación en España da formación xermana Oh ton, programada para o 8 de outubro; e Migracións, o 3 de novembro, recital quen no que a formación mallorquina Espai Sonor propón unha reflexión sobre os fenómenos migratorios. Así mesmo, Cangas do Morrazo súmase tamén como sede do festival coa actuación o 15 de outubro de Vertixe Sonora Ensemble, que estreará no auditorio novas composicións de Simone Santi Gubini, Panayotis Koboras e Paul Cliff. 

Actividades formativas 

O programa deste Festival Vertixe Sonora complétase con diferentes propostas educativas e divulgativas para diferentes públicos, realizadas coa colaboración do Estudo Galego de Sonoloxía e do grupo de investigación DX7 de Belas Artes. Por unha banda, o curso de achegamento á música contemporánea Aguzar o oído propón unha serie de coloquios previos que se desenvolverán 45 minutos antes do inicio de cada concerto, proposta á que se suman as diferentes máster class que se promoven en colaboración co Conservatorio Superior de Música de Vigo, proxectos experimentais e unha serie de concertos para escolares.