DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo para inscribirse está aberto ata o 16 de novembro

A VI Liga de Debate da Universidade de Vigo busca aos mellores oradores

Poden participar equipos dos diferentes centros da institución académica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Democracia
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Ourense 13/11/2018

Unha edición máis, e van seis, a Liga de Debate da Universidade de Vigo ponse en marcha. Dirixida desde a Facultade de Dereito do campus de Ourense polo profesor de Filosofía do Dereito Pablo Raúl Bonorino, a actividade volve un ano máis a apostar por fomentar entre o alumnado a capacidade de diálogo, de argumentación e de debate co obxectivo último de mellorar a súa formación. A participación está aberta ás e aos estudantes interesados de calquera centro da Universidade de Vigo.

Avalada polos bos resultados que ten en cada edición tanto en participación como sobre todo en valoración positiva das e dos participantes, a cita preséntase este curso académico co obxectivo de acadar unha maior participación dos diferentes campus. Sobre os beneficios de fomentar o debate entre a comunidade universitaria, Pablo Raúl Bonorino lembra como debater implica traballar habilidades e competencias transversais do alumnado tales como saber falar e expresarse axeitadamente en público, argumentar e contraargumentar sen violencia, documentarse, traballar en equipo, dialogar e chegar a acordos, entre outras cuestións. Estas competencias e habilidades, recalca o docente, precisamente por ser transversais no currículo académico acaban non sendo abordadas especificamente en ningunha materia a pesar da súa relevancia.

Semifinais entre campus

Tras cinco edicións celebradas, comenta o director da Liga de Debate da Universidade de Vigo, esta competición xa ten unha dinámica de funcionamento definida que se repite con pequenas variacións ano tras ano. Así, a primeira parte do torneo terá lugar do 19 ao 30 de novembro, desenvolvéndose a competición paralelamente nos campus de Vigo e Ourense e saíndo de cada campus dous equipos para a ronda final da liga. O xoves 13 de decembro, a aula magna da Facultade de Dereito ourensá acollerá esta ronda final, na que se disputarán dous debates na semifinal e de seguido o debate final. Os dous equipos semifinalistas do campus de Vigo, indican desde a organización, contarán cun transporte especial para desprazarse a Ourense para competir ese día. As cuestións a debater este ano na liga, que sempre se caracterizan por ser temas que xeran moita polémica na cidadanía, como a prostitución ou a xestación subrogada, decidiranse por votación dos membros dos equipos inscritos antes do inicio do torneo.

As persoas interesadas están chamadas a unha reunión inicial  informativa que terá lugar no campus de Vigo o mércores 14 de novembro, ás 16.30 h na aula B.3 da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, e no campus de Ourense o xoves 15, ás 16.30 h na aula 1.1 da Facultade de Dereito. O prazo de inscrición dos equipos está aberto do 8 ao 16 de novembro. As persoas interesadas en apuntarse poden facelo no enderezo electrónico bonorino@uvigo.es no campus de Ourense e xmpacho@avogacia.org no campus de Vigo.