DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cátia Cardoso desenvolve un proxecto de investigación e valorización deste patrimonio

Unha viaxe polo Portugal continental en busca dos tesouros da súa olaría

Afonda na ligazón entre esta produción e a identidade do país veciño

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
DUVI Ourense 20/01/2021

Baixo o título Olaría Portuguesa, a investigadora lusa Cátia Cardoso, membro do  Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, está a desenvolver un proxecto que ten como obxectivo o estudo e valorización da arte oleira do país veciño desde un enfoque identitario. A proposta levará á súa protagonista a “unha viaxe polo Portugal continental en busca dos tesouros da súa olaría”.  

Alumna do Programa de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo e das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, a investigadora conta para o desenvolvemento da súa proposta coa colaboración dos seus co-directores de doutoramento, Beatriz Comendador, profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense, e Sérgio Veludo Coelho, profesor da Escola Superior de Educação do Politécnico do Porto (Portugal).

Portugal, comenta Cátia Cardoso, “sempre tivo ao longo do tempo unha forte tradición ligada  ao emprego do barro e á produción de distintas pezas (figuras, louza utilitaria e máis actualmente olaría e cerámica contemporánea)”. Estes aspectos, e sobre todo a incorporación de novas técnicas e formas, engade, “elevan este traballo artesanal á categoría de arte e indican a súa revalorización con respecto a períodos anteriores”. Neste contexto, sinala a investigadora, o seu proxecto “ten como foco de investigación e como panel de previsión de resultados a valorización da arte oleira en canto patrimonio diversificado e transversal, un medio de transmisión de saberes, un vehículo de aspectos culturais e de costumes materiais e inmateriais”. Ademais, indica, pretende afondar na idea de “entender como esta forma que evolucionou de “arte” para “Arte” se traduce en carácteres identitarios para o país, que sempre estivo ligado á tradición e produción oleira”.

Documentar, analizar e entender

Segundo explica a investigadora, egresada en Xestión do Patrimonio e Mestrado en Patrimonio, Artes e Turismo Cultural, ambos pola Escola Superior de Educação do Politécnico do Porto, e con especialización en Comunicación, Arte e Cultura pola Universidade do Minho, “de norte a sur son moitos os locais e centros onde a presenza desta práctica se transformou nun medio de subsistencia e cuxas familias aínda hoxe teñen o coidado de manter e perpetuar procesos tradicionais, resistindo á era da mecanización, industrialización e tecnoloxía actual”. Neste contexto, comenta Cátia Cardoso, no proxecto a desenvolver “son estes conflitos entre o tradicional e as transformacións na produción, nos rituais de cocedura e venda”, os que se pretende documentar, analizar e entender. Para facelo, entres as tarefas a desenvolver comenta que está compoñer “un necesario estado da arte sobre a propia produción académica relativa a estas cuestións”, empregando para iso a bibliografía especifica neste eido. “A análise pretendida só será posible se con esta se fai un exercicio bibliográfico e de memoria pasado-futuro”, indica a investigadora.

O proxecto, engade a súa responsable, tamén xorde “como un medio de demostrar e rexistrar a perpetuación dos costumes e documentación dos modos de facer e dos modos de usar”. Neste senso, indica como “é frecuente referirse no ámbito dos lugares comúns que o pobo se esquece das súas orixes e do que elevou ao “barro” a ser considerado patrimonio artístico, etnográfico e con elevada carga social, social e antropolóxica. Cremos que iso non é así e atrevémonos a afirmar que este será un dos nosos puntos de análise”.

Alén da abordaxe documental e bibliográfica para o debuxo do estado da arte da olaría en Portugal, o proxecto inclúe unha viaxe por numerosas localidades lusas para a recollida de “materiais fundamentais para a investigación”. O percorrido, cuxas datas de celebración dependen da evolución da situación sanitaria provocada pola covid-19, terá unha duración de 23 días e levará á investigadora a percorrer “os tesouros da olaría portuguesa”. O itinerario e os propios avances do proxecto poderán seguirse a través dos espazos do proxecto nas redes sociais.