DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Orquestra Vigo 430 acompañará á pianista AyseDeniz Gökçin o sábado 15 no Mar de Vigo

Unha viaxe roqueira para piano e orquestra no concerto de Nadal da Universidade

O reitor e o director da formación musical asinaron un convenio de colaboración

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Música
  • Reitor
  • Cultura
Mª del Camen Echevarría DUVI 04/12/2018

Symphonic Aysedeniz: a rock journey for piano and orchestra é o título do concerto de Nadal da Universidade de Vigo, que se celebrará o sábado 15 de decembro no Auditorio Mar de Vigo. A partir das 20.30 horas os máis de 50 integrantes da Orquestra Vigo 430, baixo da dirección de Carlos Rodríguez, acompañarán á pianista turca AyseDeniz Gökçin nun concerto protagonizado por pezas froito do arranxo para orquestra de temas de grupos da escena do pop-rock como Coldplay, Muse, Queen ou Pink Floyd. “É un concerto moi novidoso porque vai mesturar o mellor da música clásica co mellor do pop e o rock dos últimos 40 anos. É unha proposta moi orixinal que vai axudar a moita xente a achegarse e perderlle o medo aos instrumentos clásicos”, explica o presidente da Asociación Orquestra 430, Francisco Javier Escobar, que hoxe asinou co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, un convenio de colaboración entre ambas as dúas institucións para o desenvolvemento de accións conxuntas. 

Para Reigosa o concerto deste ano “parécenos especialmente interesante porque non é unicamente musica clásica, senón que hai unha instrumentación de orquestra sinfónica e vai haber música do pop rock máis excelente que se vén producindo nas últimas décadas e será un concerto moi interesante para  toda comunidade universitaria”, asegurou o reitor, que animou ao alumnado, PDI e PAS a achegarse o sábado 15 de decembro ao Mar de Vigo para asistir ao concerto, para o que cada persoa poderá retirar dúas invitacións a través da plataforma dixital Culturxest.

Unha pianista “excepcional” e un director proposto para os Hollywood Music Awards

O concerto de Nadal da Universidade comezará cunha obra de piano de Mozart, “a única peza clásica a modo de introdución”, e a partir de aí, sucederanse os arranxos para orquestra de temas de bandas de pop rock das catro últimas décadas. “AyseDeniz é unha pianista excepcional e unha virtuosa que se decidiu por esta vía, adquirindo o estilo de compositores como Mozart, Rachmaninov ou List e aplícao a temas de grupos que marcaron a historia do pop e o rock”, explica o presidente da Asociación Orquestra 430, que lembra que a formación xa ten experiencia neste tipo de fusións musicais, como por exemplo o concerto no que acompañaron a Bonnie Tyler celebrado tamén no Auditorio Mar de Vigo. 

AyseDeniz Gökçin traballou durante un ano co director Carlos Rodríguez, proposto para os Hollywood  in Media Awards 2018 na categoría de Mellor Banda Sonora en Curtametraxe,  no concerto que o vindeiro sábado 15 de decembro ofrecerán no Auditorio Mar de Vigo e que o reitor considera “unha grande ocasión para que a comunidade universitaria estea xunta e goce cun programa ecléctico e superatractivo, que xunta obras de música clásica e contemporánea desde un punto de vista diferente”.

Concertos rotatorios polos campus e ensaios abertos

 Ao abeiro do convenio asinado esta mañá, por unha banda, a Orquestra Vigo 430 ofrecerá este ano o concerto de Nadal en Vigo, o seguinte en Ourense e o terceiro en Pontevedra e así mesmo poderá ensaiar nun espazo cedido pola Universidade no campus vigués e que deberán elixir  entre o teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria e o salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. “Esperamos que os ensaios poidan ser abertos ao público universitario, especialmente ás mozas e mozos, que nalgúns casos poderán atoparse por primeira vez coa música clásica”, explica o reitor, que considera importante que unha orquestra nova teña un espazo permanente no que realizar os seus ensaios.

Reigosa asegura que o acordo coa Orquestra vigo 430, que este ano cumpre a súa primeira década de existencia, “pode achegar moito a través da promoción da cultura musical á comunidade universitaria”.