DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un grupo de 20 persoas percorrerá durante 11 días o sur e leste dese país

As viaxes de estudos arqueolóxicos volven con Turquía como destino

Será a duodécima edición desta iniciativa do GEAAT e a Delegación de Alumnado de Historia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI Ourense 14/03/2022

Desde 2010, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) e a Delegación de Alumnado da Facultade de Historia do campus de Ourense organizan anualmente unha viaxe de estudos arqueolóxicos a algún país de destacado interese patrimonial. Despois do parón obrigado pola pandemia, a iniciativa volve este curso académico con Turquía como destino. Unha vintena de persoas percorrerá durante 11 días o sur e este dese país.

“A filosofía que inspira estas viaxes é que sexan culturalmente atractivas, centradas na temática arqueolóxica e patrimonial pero moi diferentes dos paquetes turísticos convencionais ofertados nas axencias de viaxes. De feito, caracterízanse por seren totalmente autoxestionadas, bastante alternativas (ás veces mesmo algo aventureiras ), moi participativas e colaborativas e, sobre todo, o máis low cost posible”, comentan desde a organización. Ata o momento, os destinos escollidos foron en 2010 Inglaterra, en 2011 Turquía, en 2012 Alemaña, en 2013 Grecia, en 2014 Italia, en 2015 Turquía, en 2016 Bélxica, en 2017 Marrocos, en 2018 Italia, en 2019 Bulgaria e en 2020 Turquía.

Por cuestións organizativas, este ano por primeira vez a viaxe, coordinada polo profesor Fermín Pérez, non terá lugar arredor das datas do Entroido, senón na primavera, concretamente do 2 ao 12 de abril. Nela participarán 20 persoas, alumnado de grao, mestrado e doutoramento e persoal docente e investigador da Facultade de Historia. “Estamos con moitas ganas de ir, moi ilusionados. As ansias de viaxar debido á pandemia acrecentáronse moito”, comenta o coordinador da viaxe.

Xacementos e museos "de primeiro nivel"

Este ano, indican desde a organización da viaxe, escolleuse novamente Turquía, país ao que as viaxes de estudos arqueolóxicos volverán por cuarta vez. Se a primeira viaxe centrouse en Istambul e a costa oeste; a segunda fíxoo na costa sur e centro e a terceira na parte norte, en Anatolia. Nesta cuarta incursión, as e os participantes percorrerán as rexións do sur e do leste, chegando á fronteira con Siria. No seu percorrido visitarán sitios de interese arqueolóxicos “tan interesantes e novidosos como o prehistórico de Göbekli Tepe, o asirio do Karum de Kanish ou a cidade helenístico-romana de Antioquía”. De xeito especial, desde a organización destacan o mosaico antigo máis grande do mundo, conservado en Antaquia, e o santuario de Göbekli Tepe, datado arredor do 10.000 antes de Cristo, antes de comezar a sedentarización, e que “ten cambiado radicalmente a compresión da transición entre o paleolítico e o neolítico”.

O percorrido levará ás e aos participantes a Antalya, Mersin, Antaquia, Gaziantep, Sanliurfa, Malatya, Kayseri, Aksaray e Konya.  Neste percorrido visitarán, entre outros moitos, enclaves como as cidades grecorromanas de Anemurium e Elaiussa-Sebaste; os xacemento prehistórico de Tilmen Höyük; Göbekli Tepe e Arslantepe Höyük e o asirio-hitita de Kültepe Karum Kanish; a cidade subterránea de Derinkuyu, a cidade neohitita Gollu Dagi e as igrexas rupestres bizantinas de Ilhara Vadisi. “Turquía a nivel arqueolóxico é quizais un dos destinos de Europa de maior interese. Todos os vestixios arqueolóxicos que ten son especialmente relevantes”, comenta Fermín Pérez. A viaxe, indica, permitirá ás e aos participantes coñecer “xacementos e museos de primeira liña”.