DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Patrocinados pola Deputación de Ourense, contan cun orzamento de 80.000 euros

A Vicerreitoría do campus invita a refrescarse este verán con 12 cursos de extensión

En total ofértanse 734 prazas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 29/05/2008

12 cursos de verán compoñen a oferta que baixo o lema Refréscate ! propón a Vicerreitoría do campus para combater o calor estival. Natureza, informática, cultura e incluso enoloxía son algúns dos temas ao redor dos que xirarán os cursos patrocinados pola Deputación de Ourense, que xa comezaron en abril e que rematarán o vindeiro outubro.
Con 734 prazas en total, “fixemos un gran esforzo por incrementar o número de cursos e pasar dos oito do ano pasado aos 12 deste” explicou o vicerreitor, Juan Francisco Gálvez. Nesta ocasión o orzamento ascende a 80.000 euros “dos que temos que agradecer á Deputación que aportara a metade, permitíndonos así ter unha oferta tan variada” dixo Gálvez e estendeu a súa gratitude “a todos os concellos que participan e sobre todo aos directores e coordinadores dos cursos, polo seu esforzo en dotalos de tanta calidade”.
Pola súa banda o presidente da Deputación, José Luis Baltar, definiu a universidade como “unha industria que non contamina, que é sostible e que cada ano mellora a súa oferta con novos temas de grande interese para a cidadanía”, polo que reiterou o seu apoio “ é a nosa obriga colaborar coa actividade deste campus, algo do que podemos presumir e que vai seguir medrando” concluíu.

Representación de todos os ámbitos

O criterio para seleccionar os cursos de verán que compoñen a oferta foi “que todos os ámbitos estiveran representados; o humanístico, o xurídico social, o científico e o tecnolóxico” explicou Gálvez. Pese ás restriccións orzamentarias “fixemos un importante esforzo dende todas as entidades implicadas para que ningunha das propostas quedara fóra” engadiu.
Así, algúns dos cursos xa se celebraron como o de Turismo e Natureza, que tivo lugar no mes de abril no concello de Foz, sendo o primeiro que se desenvolveu fóra da provincia de Ourense. Ademais o de Contratos do sector público en España, celebrado por segunda vez en Bande tamén se adiantou a ese mesmo mes “xa que coincidiu coa entrada en vigor da nova lei e quixemos facelo antes dos exames” explicou o vicerreitor engadindo que “ambos cursos foron un éxito e cubriron todas as súas prazas”. De feito a acollida dos cursos de verán está sendo moi boa, tanto que algúns deles xa teñen completa a matrícula a un mes do seu comezo como o de Cata de viños, augardentes e licores e o de A nova fiscalidade das persoas físicas: liquidación e planificación do comportamento fiscal.
Sen embargo os interesados aínda poden anotarse nos cursos de Ferramentas de seguridade en GNU/Linux, baseado en instrumentos de software libre, Frameworks de desenvolvemento cliente servidor sobre as plataformas de creación de aplicacións, Galegos de Ourense, Os sons e as imaxes da información. Radio, TV e Internet, Novos horizontes nos antioxidantes naturais, Hidacio da Limia e o seu tempo: a Gallaecia sueva, que terá lugar en Xinzo, como soe ser tradicional nos organizados pola Facultade de Historia, Retos e Perspectivas na conservación do medio ambiente no século XXI, que se celebra na Serra do Xurés e Deporte, empresa e sociedade: promoción turística a través do deporte. Este último terá lugar fóra do prazo habitual nos cursos de verán debido a que os alumnos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, organizadora, realizan prácticas durante a tempada estival.

A participación do Concello de Celanova

Algúns dos cursos de verán celebraranse fóra da cidade de Ourense e das instalacións do campus, destacando o papel do Concello de Celanova, que nesta ocasión acolle os obradoiros de Galegos Ilustres e Os sons e as imaxes da información. Radio, televisión e internet. “Dende o ano 92 a Vicerreitoría prestounos o seu apoio permitíndonos celebrar unha media de dous ou tres cursos por ano, coa importancia que iso supón para nós” explicou o seu alcalde, Antonio Mouriño. Ademais de agradecerlle á Universidade de Vigo a deferencia, “tamén temos que darlle as grazas á Deputación Provincial por colaborar cos pequenos concellos como o noso, xa que sen a súa axuda non poderíamos acoller estas actividades” dixo. A participación do concello nos cursos suma 6.000 euros, “que xa temos contemplados nos presupostos municipais todos os anos para este concepto, aínda que lamentamos non ter máis medios” engadiu o seu alcalde.

Datos para os interesados

As taxas de inscrición oscilan entre os 120 euros do curso de Retos e Perspectivas na conservación do medio ambiente no século XXI que inclúe aloxamiento e comidas durante os tres días que dura e os 20 euros do de Novos horizontes nos antioxidantes naturais. Sobre o prezo establecido, os alumnos da Universidade de Vigo que sexan bolseiros do MEC terán un 50% de reducción e o resto dos membros da comunidade universitaria un 25%. Para os cursos que se celebran fóra do campus, o transporte será gratuíto dende este.
Os interesados en inscribirse ou recibir máis información poden chamar ao teléfono 988387313, enviar un email a vicou@uvigo.es ou consultar a páxina web.