DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha actividade enmarcada na Cátedra Almirante Álvarez Ossorio que terá lugar o xoves 7

Vicerreitoría e Escola Naval Militar convidan á comunidade universitaria a un bautismo de mar

A actividade completarase cunha visita guiada ás instalacións do centro de Marín

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Visitas
  • Académica
DUVI Pontevedra 31/10/2019

Percorrer a Ría de Pontevedra a bordo dunha embarcación. Isto é o que a Vicerreitoría do campus e a Escola Naval Militar propoñen á comunidade universitaria o vindeiro xoves 7 de novembro, xornada na que se levará a cabo un bautismo de mar enmarcado nas actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que promoven conxuntamente a institución académica e o centro con sede en Marín. “A Escola Naval Militar deunos a posibilidade de levar a cabo esta actividade, que nos pareceu moi interesante xa que hai xente que non saíu nunca o mar e que vai ter a posibilidade de vivir por primeira vez esta experiencia”, salienta o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela. Aberto á participación dun máximo de 30 persoas, as inscricións para participar neste bautismo de mar permanecen abertas na plataforma Deporxest ata o vindeiro luns.

Segundo explica Cancela, a actividade arrincará ás 16.00 horas nas instalacións da Escola Naval Militar, onde terá lugar o embarque “que faremos nunha ou en varias embarcacións, dependendo do número de persoas que finalmente se inscriban”. De volta a terra, a actividade completarase cunha visita guiada polas instalacións da Escola Naval Militar, na que, acompañados polos responsables do centro, as e os participantes “poderán coñecer a escola e as investigacións nas que están traballando”.