DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolveranse ao longo deste mes de maio e poderán seguirse de xeito virtual 

A Vicerreitoría impulsa un programa de actividades para pór en valor a literatura galega e a figura de Xela Arias

Ábrese este venres coa presentación do libro e da exposición 'Nenas medrando'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/05/2021

Adaptándose ás limitacións ás que obriga a pandemia, pero coa vontade de sumarse á conmemoración do Día das Letras Galegas, a Vicerreitoría do campus impulsa neste mes de maio un programa de actividades que afondarán na obra e figura da escritora homenaxeada neste 2021, Xela Arias, á vez que buscan pór en valor a literatura e cultura galega. “Non queríamos deixar pasar unhas datas tan relevantes”, salienta a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, dunha programación que abrirá este venres a presentación do libro Nenas medrando, da profesora da Facultade de Belas Artes Silvia García.

“Adaptámonos ás circunstancias, pero sen deixar de dar ese merecido alento á figura de Xela Arias e á cultura en xeral”, engade Agrelo dunha serie de propostas que, por mor da covid-19, terán limitada a asistencia presencial, pero que poderán seguirse de xeito virtual a través de Campus Remoto. Programados todos eles para ás 19.00 horas na sede da Vicerreitoría, o primeiro destes actos será a presentación, por parte de García e do editor de Chan da Pólvora, Antón Lopo, de Nenas medrando, o poemario que está docente centrou nas transformacións que implica a infancia e no que os textos se acompañan de diferentes fotografías. Esta serie de imaxes anónimas, de diferentes países e épocas, reuniranse na Vicerreitoría nunha exposición que, tras o acto deste venres, poderá visitarse e ata o 28 de maio en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Á semana seguinte, o xoves 13, terá lugar a presentación do libro-disco Saudades de alborada, do que é editor o musicólogo Javier Jurado e que se centra na figura do compositor Reveriano Soutullo. Xunto a Jurado, esta presentación contará tamén coa participación da soprano Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo.  

Múltiples olladas ao redor de Xela Arias

Tras estas dúas actividades, a programación centrarase na figura de Xela Arias, eixo do acto conmemorativo que a Vicerreitoría programou para o mércores 19. Nel, a escritora, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e especialista na autora homenaxeada María Jesús Nogueira ofrecerá un relatorio “centrado na vida e, sobre  todo, na creación artística de Xela Arias”, como apunta Agrelo. Aí mesmo, este acto servirá tamén para presentar o número extraordinario que a revista Tempos Novos dedica á poeta, da man da súa coordinadora, a profesora da Universidade de Vigo Rexina Vega, o director da revista, Luís Álvarez Pousa, e a catedrática emérita Camiño Noia. Xunto ás súas intervencións o acto completarase coa interpretación musical de varias pezas nacidas de poemas da autora por parte de Clara Pino e Pablo Vidal.

Unha semana despois, o xoves 27, a figura da escritora será abordada desde o audiovisual grazas á proxección do documental Xela Arias, poeta nas marxes e o posterior debate coa súa directora, produtora e guionista Beatriz Pereira e o tamén guionista Daniel Chapela. Trátase dun proxecto que "é resultado do traballo de fin de grao” desta titulada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, como lembra Agrelo, que salienta a importancia de “non só xuntar arredor da figura de Xela Arias e das Letras Galegas” a figuras expertas na súa obra, senón tamén dar visibilidade aos proxectos impulsados polo alumnado. De feito, este acto servirá tamén para facer entrega dos premios do concurso Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas: Xela Arias 2021, no que a Vicerreitoría convidou ao estudantado a realizar unha “relectura e reinterpretación da obra poética” de Arias.

Xa no mes de xuño, está previsto que esta programación se complete coa exposición Xela Arias, A poesía do retrato, que reúne as fotografías que Xulio Gil realizou da escritora homenaxeada.