DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para a contratación como persoal laboral temporal de catro investigadores ou investigadoras

A Vicerreitoría de Investigación lanza unha nova convocatoria do Programa de Retención de Talento Investigador

O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o 7 de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 02/08/2021

A Universidade de Vigo acaba de pór en marcha unha nova edición do Programa de Retención de Talento Investigador, unha iniciativa dirixida á realización dun proceso selectivo para a contratación como persoal laboral temporal de investigadoras e investigadores doutores que teñan desenvolvido a súa actividade investigadora posdoutoral na Universidade de Vigo ao abeiro de diferentes programas competitivos internacionais, nacionais ou autonómicos.

Formalizaranse en total catro contratos de tres anos de duración –coa posibilidade de renovación por dous anos-, como persoal laboral temporal a tempo completo na modalidade de investigador/a distinguido e cunha remuneración bruta anual correspondente á da categoría de profesorado contratado doutor a tempo completo. As persoas contratadas impartirán un mínimo de 80 horas anuais de docencia e gozarán de plena capacidade investigadora, dándoselle a posibilidade de solicitar proxectos como investigadores ou investigadoras principais.

O persoal investigador interesado en solicitar algunha destas prazas poderá facelo ata o vindeiro 7 de setembro.  A Comisión de Investigación da Universidade de Vigo, delegada de Consello de Goberno, será a encargada de realizar a selección entre as persoas que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria.

Sergio Gómez, Marta Conde, Cristina Delgado e Santiago Pozo, persoal distinguido no 2020

Na anterior convocatoria deste programa os investigadores seleccionados foron Sergio Gómez, Marta Conde, Cristina Delgado e Santiago Pozo que iniciaron así unha nova etapa profesional como investigadoras e investigadores distinguidos da Universidade de Vigo.  

Sergio Gómez levaba na Universidade de Vigo máis de dez anos, na última etapa como investigador Juan De La Cierva no Departamento de Química Física, centrando o seu traballo na síntese, caracterización e autoensamblaxe de nanopartículas plasmónicas (ouro e prata).  Marta Conde era nese intre persoal de posdoutoramento da Xunta de Galicia na modalidad B no Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, en concreto na Área de Fisioloxía, e o seu principal campo de estudo son os sistemas neuroendocrinos e metabólicos que controlan o apetito en especies de peixes de interese na acuicultura. Pola súa banda, Cristina Delgado, tamén persoal de posdoutoramento da Xunta de Galicia na modalidade B no Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, pasou a ser investigadora distinguida para seguir traballando en ecoloxía e taxonomía das diatomeas, tanto en ecosistemas mariños como en auga doce. Por último, Santiago Pozo, integrante do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente como persoal do programa Juan de la Cierva e actual subdirector de Relacións Exteriores e Mobilidade da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía forma parte do grupo de investigación de Explotación de minas e, xunto coa profesora Teresa Rivas, céntrase en temas relacionados coa conservación de patrimonio cultural inmoble.