DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun ciclo de proxeccións que reúne filmes de Tati, Truffaut, Godard, Malle, Demy e Pialat

A Vicerreitoría propón un percorrido por un “mapa de estilos” do cinema francés

Desenvólvese desde este venres na Casa das Campás

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI Pontevedra 22/05/2018

Seis directores destacados dentro da cinematografía francesa, “seis cineastas cun estilo propio, moi persoal e identificable", como sinala a programadora Bárbara Santos, protagonizan o novo ciclo de cinema francés impulsado pola Vicerreitoría do campus. Baixo o título de Mapa de estilos, esta serie de proxeccións, que dá comezo este venres con Os paraugas de Cherburgo, de Jacques Demy, propón tamén un percorrido por movementos que marcaron a historia da cinematografía francesa, como é o caso da Nouvelle Vague, así como polos diferentes xéneros cinematográficos, do drama e o cinema negro, á comedia, o musical ou a ciencia ficción.

Promovido en colaboración co Instituto Francés de Cine, o cuarto ciclo que, no marco da programación cultural da Vicerreitoría, se dedica na Casa das Campás á cinematografía do país galo está integrado por seis proxeccións, con entrada libre ata completar aforo, nas que están representados “predecesores da Nouvelle Vague”, como Louis Malle, e “alicerces desa corrente” como François Truffaut e Jean Luc Godard, como explica Santos, experta en cinema francés e coordinadora deste ciclo. Mais este mapa de estilos achegarase tamén a “cineastas á marxe” deste movemento como Maurice Pialat e a directores como Jacques Demy, “que moi poucas veces aparece incluído neste movemento aínda que pertence a el por dereito propio”, engade Santos. 

Seis citas nas tardes dos venres

Con seis proxeccións programadas para os venres ás 20.00 horas, todas elas con entrada libre ata completar aforo, Mapa de estilos botará a andar este venres 25 de maio con Os paraugas de Cherburgo, o filme máis recoñecido e encomiado” de Jacques Demy, que, como sinala Mato, supuxo polo seu estilo “toda unha revolución” dentro do xénero do musical. A semana seguinte proxectarase Día de festa, a primeira longametraxe de Jacques Tati, que “ofrece un testemuño xenial da vida dun pobo francés despois da Segunda Guerra Mundial”, mentres que o 8 de xuño chegará a quenda de Ascensor para o cadafalso, a primeira longametraxe de Louis Malle, un filme que “anticipa os preceptos que marcarán o novo cinema francés”.  

O 15 de xuño exhibirase Pierrot o tolo, obra que “sinala un cambio de rumbo” na carreira de Jean Luc Godard, mentres que o 22 poderá contemplarse A infancia espida, na que Maurice Pialat achega “unha mirada diferente da infancia” marcada tanto pola violencia como pola dozura. Xa por último, o ciclo pecharase o venres 29 de xuño coa proxección de Farenheit 451, o “contou filosófico sobre unha sociedade totalitaria” que François Truffaut articulou a partires da novela de Ray Bradbury.