DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase o martes 20 de novembro

A vida cotiá na Prehistoria e na Antigüidade, tema das VIII Xornadas de Novos Investigadores

O seu obxectivo é visibilizar traballos de grao, mestrado e doutoramento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Cultura
  • Divulgación
  • Estudantes
DUVI Ourense 14/11/2018

O día 20 de novembro o campus de Ourense acollerá unha nova edición, a oitava, das Xornadas de Novos Investigadores, organizadas pola Delegación de Alumnos e Alumnas da Facultade de Historia co apoio do seu centro. Nesta edición, seis investigadores e investigadores de diferentes universidades estatais abordarán diferentes aspectos da vida cotiá na Prehistoria e na Antigüidade.

Seguindo a filosofía de edicións anteriores, a VIII Xornadas de Novos Investigadores volve ao calendario universitario caracterizado pola súa singularidade froito de que é unha actividade organizada polo alumnado e destinada a dar a coñecer os primeiros traballos de investigación feitos por novos historiadores e historiadoras. “Estas xornadas pretenden dar a oportunidade a novos investigadores e investigadoras de diferentes  disciplinas de participar no intercambio crítico de ideas e compartir as tendencias en investigación”, comentan desde a organización da actividade.

Temática e relatores

Este ano, indican desde a Delegación de Alumnos e Alumnas da Facultade de Historia, decidiuse centrar a temática na Prehistoria e na Antigüidade, en concreto, na vida cotiá nestes períodos, abrindo a participación a “un amplo espectro de temas, culturas e espazos xeográficos para os períodos propostos”. Aínda que abertas ás achegas multidisciplinares e tamén aos diversos enfoques historiográficos, as conferencias centraranse na arte, a arqueoloxía, a xeografía e a historia neses períodos, dando cabida a investigacións na súa etapa inicial ou de desenvolvemento.

A xornada, que se celebrará na tarde do martes 20, sendo aberta a todas as persoas interesadas, conta no seu programa coa participación das e dos investigadores María Aidé e Nicolás Soriano, da Universidad Autónoma de Madrid; Carmen Casero e Antonio Pío, da Universidad de Jaén; Francisco Sánchez, da Universidad Complutense de Madrid, e Borja Rey, da Universidade de Santiago de Compostela.