DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Fundación Atresmedia, máis de 900 mozos e mozas participaron neste concurso

Un vídeo sobre a adicción ás redes sociais converte dous estudantes de Publicidade e RRPP en finalistas de Efecto Mil

Realizado por Estíbaliz Bárcena e Fernando David Bautista

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 04/05/2026

#Noteaplatanes é o título do vídeo que converteu os estudantes da Facultade de Comunicación Estíbaliz Bárcena e Fernando David Bautista en finalistas de Efecto Mil, un concurso promovido pola Fundación Atresmedia, coa colaboración da Fundación Telefónica. Aberto á participación de mozos e mozas de entre 16 e 25 anos, trátase dun certame dirixido a fomentar nas novas xeracións un pensamento crítico sobre o uso das redes sociais, que contou na súa quinta edición con máis de 900 participantes. O certame convidaba a mozos e mozas a abordar diferentes riscos dixitais que afectan a súa contorna, a través de vídeos de curta duración, o que levou aos estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas a centrarse, explican, “no uso abusivo e a adicción ás redes sociais”.

Esta peza, realizada como traballo para a materia Produción publicitaria na web e multimedia, impartida polo profesor Alberto Dafonte, foi seleccionada como unha das 15 finalistas deste certame, o que permite ademais que Bárcena e Bautista participen nestas semanas nun programa formativo promovido por Atresmedia. “Ser elixidos entre centos de vídeos é unha oportunidade para dar visibilidade á nosa creatividade e pon en valor o noso talento e traballo”, salientan da súa selección nun concurso que viu incrementada nun 16% a súa participación respecto da edición anterior, na que outros dous traballos realizados na facultade alcanzaron o pase á final.

A dependencia das redes sociais

Os promotores de Efecto Mil convidaban á mocidade a realizar vídeos cunha duración máxima dun minuto, concibidos para as redes sociais, que abordasen cuestións como a adicción a estas plataformas, os discursos de odio, os perigos dos retos virais, o ciberacoso ou a difusión de noticias falsas. Partindo desta premisa, Bautista e Bárcena optaron pola adicción ás redes sociais “porque é o que máis vemos día a día. Preocúpanos a forma que teñen as persoas de relacionarse e a súa dependencia das redes sociais como busca de dopamina”, recoñecen. 

Nomeadamente, tomaron como punto de partida o feito de que “os seres humanos compartimos arredor do 60% do mesmo material xenético”, coa idea de chamar a atención, aínda que “obviamente o que temos en común son cousas moi básicas da existencia”, pero tamén para articular a peza arredor da idea de “estar aplatanado”. Deste xeito, sinalan, buscaron promover unha reflexión sobre o uso abusivo destas plataformas “dunha maneira moi creativa en enxeñosa”, conectando esta frase cos “síntomas da adicción ás redes sociais”, nunha peza que busca reflectir “a vida dun mozo no eu día a día se continuamente está empregando o teléfono”. 

Da formación á viralización

Segundo informou a organización, tanto a capacidade dos vídeos “para sensibilizar e xerar reflexión”, como a súa creatividade e calidade técnica e o seu “potencial de difusión” formaron parte dos criterios para escoller as pezas finalistas. Esta selección permite aos seus autores e autoras participar nunha formación virtual impartida por profesionais de Atresmedia e centrada en áreas como creatividade, guión, márketing de contidos, redes sociais, ciberseguridade ou alfabetización mediática. Esta formación, explican os estudantes da Facultade de Comunicación, combínanse á súa vez con “titorías nas que van revisando o proxecto e vendo os nosos avances”, posto que, ao longo deste período, as e os finalistas traballarán tamén na reedición do seu vídeo, coa idea de “intentar melloralo da mellor maneira posible e despois difundilo en redes sociais para que se faga viral”, explican Bárcena e Bautista.

Non en van, tras esta fase formativa, as e os finalistas terán que compartir as súas pezas, “buscando maximizar o impacto dos seus contidos e chegar ao maior público posible”, sinalan desde a organización. De feito, a repercusión acadada por cada vídeo será un dos factores que determinarán os gañadores e gañadoras do concurso. Nomeadamente, o equipo gañador será galardoado cun pack tecnolóxico valorado en 3000 euros e coa súa participación nun curso práctico de habilidades de comunicación, mentres que outro dos traballos será recoñecido cunha mención especial, galardoada cunha “experiencia formativa e divulgativa” por parte da Fundación Telefónica.