DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudante Francisco Sánchez foi un dos seleccionados no concurso 'Drogas: Tu punto de mira'

Un vídeo sobre alternativas de ocio nacido no campus obtén un premio nun certame estatal

Preto de 130 pezas presentáronse a esta iniciativa dirixida a alumnado universitario

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 18/06/2019

“Contei un pouco a miña experiencia como universitario, nun campus que ten un ambiente saudable e nunha cidade na que hai alternativas de ocio”, explica o estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Mi ocio, o vídeo polo que obtivo o terceiro premio no concurso universitario Drogas: Tu punto de mira, un certame promovido pola asociación PDS (Promoción y Desarollo Social) co apoio do Plan Nacional sobre Drogas. Preto de 130 estudantes de diferentes universidades españolas concorreron neste 2019 á oitava edición dun concurso que busca promover a sensibilización da comunidade universitaria respecto dos riscos asociados ao consumo de drogas e outras conductas aditivas, ao que este alumno de Comunicación Audiovisual presentou unha peza protagonizada por el mesmo, “na que quixen aproveitar a miña experiencia para falar da existencia de alternativas de ocio para a xente nova, desde ir ou cine ou correr a ir ás praias”.

De feito, o traballo que nestes meses realiza para unha materia do grao sobre a proliferación das casas de apostas e a adicción, “moitas veces silenciada”, que poden xerar na xente nova foi precisamente a motivación que levou a Sánchez presentarse ao certame e a facelo cunha obra que puxese o foco na prevención. Un vídeo que ten como punto de partida o propio campus pontevedrés, do que o seu autor salienta por exemplo a existencia dun carril-bici, e no que dá conta das súas propias afeccións e intereses.“As universidades teñen importancia á hora de fomentar na xente nova estilos de vida máis saudables”, salienta nese senso este estudante.

Unha axuda e unha inxección de ánimo

“Aínda que tamén se valoraba a calidade técnica, no concurso importaba sobre todo a mensaxe”, explica Sánchez sobre un certame no que o xurado, integrado por profesionais e expertos en materia de adiccións, proclamou gañadora á estudante da Universidad Carlos III de Madrid Claudia Paz, mentres que o segundo premio foi para Daniel Jesús Muñoz, da Universidad de Huelva. Así mesmo, os traballos presentados por Marta Villar e Paloma García, da Universidad de Málaga; Pedro José Negrín, da Universidad Complutense de Madrid, e Adrián Martínez, da Universidad de Alicante, tamén foron recoñecidos nun concurso que este luns celebrou a súa entrega de premios no marco dunha xornada sobre prevención de adiccións que a ONG organizadora promoveu na sede do Plan Nacional sobre Drogas en Madrid.

“A verdade é que é algo moi positivo, que tamén te incentiva a participar noutros concursos”, recoñece Sánchez do premio que obtivo neste certame, "na primeira vez que me presento a un concurso estatal"; premio que conta ademais cunha dotación económica de 800 euros, que, recoñece, tamén supón "unha axuda" á hora de adquirir equipamento. Do mesmo xeito, este estudante tamén pon en valor que se trate dunha iniciativa financiada polo Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social, “xa que é de agradecer se che anime a dar o teu punto de vista desde o audiovisual”.