DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus únese á celebración do día da escritora galega

Un vídeo de animación do poema 'Miña santiña' homenaxea a Rosalía de Castro

Ao longo de varias semanas publicaranse diferentes audiovisuais arredor da súa figura

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 24/02/2021

Un 24 de febreiro máis o campus de Ourense uniuse á celebración do Día de Rosalía, conmemoración posta en marcha pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Coa publicación dun vídeo de animación do poema desta escritora galega Miña santiña arrancou unha programación que levará á Facultade de Educación e Traballo Social a publicar, ao longo das vindeiras semanas, diferentes pezas audiovisuais arredor da homenaxeada.  

Debido á situación sanitaria provocada pola covid-19, as actividades a desenvolver serán nesta ocasión virtuais e prolongaranse ata marzo. En todo caso, desde a organización apuntan como, a pesar das limitacións existentes na actualidade, “cremos que reivindicar a voz da escritora fundacional da literatura galega contemporánea é unha necesidade e unha forma tamén de crear cohesión social e de recoñecérmonos e reivindicármonos”, tal e como explica Isabel Mociño, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social.

O primeiro dos vídeos foi publicado este mércores tanto na páxina web da Universidade de Vigo como na do centro organizador. Trátase dunha peza de animación realizada polas alumnas de segundo curso do Grao en Educación Primaria da Facultade de Educación e Traballo Social Paula Abril, Naiara Alborés, Alba Álvarez, Anahí Barros e Cándida Beloso. Nel, as estudantes recitan o poema completo de Rosalía de Castro Miña santiña mentres van transforman en ilustracións os versos que se escoitan. A peza, que destaca pola súa sinxeleza e frescura, tal e como indican desde a organización das actividades do Día de Rosalía no campus, foi realizada no marco dunha das materias impartidas por Ana Iglesias, profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, na que animou ao seu alumnado a traballar arredor da obra da escritora galega. Neste senso, desde o centro organizador sinalan a importancia de que as futuras mestras e mestres que se forma no campus se conciencien da importancia de transmitir a lingua e a cultura galegas, para que logo trasladen ese compromiso ao seu labor docente nas aulas e ás futuras xeracións que nelas se forman.  

Máis audiovisuais

Tras a publicación deste vídeo, as vindeiras semanas seguiranlle outros realizados co gallo da conmemoración do Día de Rosalía 2021 e que conforman unha programación que conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Área de Normalización Lingüística e a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense, ademais da propia Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Así, está previsto a publicación dun segundo vídeo no que alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos pon voz ao mesmo poema Miña santiña. Outras das iniciativas audiovisuais toma como referente o manifesto deste ano do Día de Rosalía da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, ao que tradicionalmente se dá lectura nos actos do 24 de febreiro. Tendo en conta como este texto fala “da converxencia do pasado e o presente”, a facultade fixo un convite, dirixido principalmente ao seu alumnado, a presentar vídeos “que reflexionen sobre que expectativas teñen de como vai a ser o mundo despois de que pase esta pandemia”. Por último, e seguindo o fío do manifesto e da propia obra da escritora galega, noutro audiovisual persoas que teñen algún tipo de vinculación coa Universidade de Vigo lerán parte do manifesto deste ano do Día de Rosalía.