DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado pola UCC+i con motivo do Día Mundial da Ciencia que se celebra hoxe martes

Un vídeo divulgativo para dar a coñecer as investigacións da Universidade de Vigo sobre a covid-19

Reúne algúns dos proxectos relacionados con diversos aspectos da pandemia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
M. Del Río DUVI 10/11/2020

Dende que se declarou a pandemia mundial do coronavirus, a Universidade de Vigo tratou de poñer as súas capacidades, coñecementos e potencialidade ao servizo da sociedade. Nas primeiras semanas, por exemplo, tratando de unirse ao tecido produtivo fabricando pantallas e outras medidas de protección e posteriormente poñendo en marcha diversos proxectos de investigación relacionados con diferentes aspectos da loita contra a covid-19. Moitos deles recóllense nun vídeo divulgativo elaborado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) coincidindo co Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, que se conmemora hoxe martes.

O obxectivo desta peza audiovisual é poñer en valor o traballo desenvolvido polo persoal investigador, de especial relevancia nestes tempos de pandemia. A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, destaca que “o impacto da pandemia na nosa sociedade puxo en valor a importancia da I+D+i e colocou a ciencia e a innovación na primeira páxina da axenda pública”. Ademais, Rubio lembra que “ante esta situación excepcional que estamos a vivir, as investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo colaboraron dende o primeiro momento achegando materiais de protección e de desinfección desde os seus laboratorios e, máis adiante, desenvolvendo proxectos de investigación que achegasen solucións desde os diferentes ámbitos, demostrando que a interdisciplinariedade é un valor engadido na ciencia”. Desta maneira, explica que “en colaboración con outras universidades, centros de investigación, empresas, hospitais e fundacións biomédicas, desde a UVigo lográronse fondos en convocatorias extraordinarias moi competitivas”. 

Sete proxectos, sete propostas 

O vídeo recolle as explicacións dos investigadores de sete dos proxectos que están en marcha, varios deles o abeiro do Fondo Supera Covid-19. Un deles é Epicovigal, liderado polo catedrático David Posada, un proxecto que estuda a epidemioloxía do SARS-CoV-2 en Galicia dende un punto de vista xenómico, para descifrar como foi a circulación do virus nas distintas áreas xeográficas, co obxectivo último de contribuír á toma de decisións no eido da saúde pública na loita contra este virus. Outra das iniciativas é SERSforSARS, liderado por Lorena Vázquez-Iglesias e Jorge Pérez Juste, investigadores do grupo de Química Coloidal, que traballan nun test que faría posible detectar cantidades de virus máis baixas o que, á súa vez, permitiría detectalo antes. 

Pola súa banda, o proxecto DIMCoVAR, no que está implicado o investigador do grupo BiotecnIA, Claudio Cameselle, pretende detectar a presenza do SARSCoV-2 nas augas residuais, o que permitiría determinar de forma temperá a presenza ou a ausencia do virus nunha comunidade. Por último, inanciado polo Fondo Supera Covid-19, o proxecto LiraCovid19, no que participa o director do Laboratorio de Endocrinoloxía (LabEndo), Federico Mallo. Este ensaio clínico trata de demostrar a utilidade do fármaco liraglutide para mellorar a pneumonía grave por SARSCoV-2. 

Financiado pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, o proxecto liderado polo profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo Higinio González ten como obxectivo principal o desenvolvemento dun sistema de desinfección con dispersión de líquidos mediante sistemas aéreos non tripulados como os drones. 

Con financiamento do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), o estudo Predico ten como obxectivo predicir a evolución da expansión e a incidencia da pandemia. O equipo de investigadores, entre os que está o profesor do Departamento de Matemática Aplicada II, Iván Area, deseñou un método para calcular o posible número de camas necesarias nas unidades de coidados intensivos (UCI) para evitar a saturación mediante a estimación de persoas infectadas. Finalmente, a UVigo tamén colaborou cunha iniciativa do Sergas e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur para o uso do pooling, unha técnica que permite o procesamento agrupado de mostras PCR diferentes. 

O vídeo pode verse en YoutubeFacebookInstagramLinkedIn e Twitter.