DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade coordina o proxecto europeo Edify para capacitar novos profesionais neste ámbito 

Vigo acolle un encontro europeo para achegar a fotónica ás empresas galegas  

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Investigación
DUVI 29/11/2018

Vigo acollerá o vindeiro mércores, 5 de decembro, un encontro europeo sobre fotónica, orientado ás empresas galegas co fin de dar a coñecer, con casos prácticos, os usos desta tecnoloxía nos procesos industriais. A xornada Fotónica integrada: casos prácticos e aplicacións na industria servirá tamén como lanzamento do proxecto europeo Edify (European Doctorate in Indium Phosphide PIC Fabrication Technology) que está a coordinar a Universidade de Vigo, a través do docente e investigador de atlanTTic Francisco Díaz, en colaboración coa empresa holandesa Smart Photonic, co obxectivo de capacitar  a catro profesionais da Unión Europea na fotónica integrada. 

Ao encontro, que terá lugar na Zona Franca de Vigo, asistirán empresas vinculadas, principalmente, coa automoción, as tecnoloxías, o téxtil, a alimentación e a saúde. Participarán como poñentes destacados expertos europeos en fotónica integrada: Auri Ripoll, directora de marketing de EPIC (European Photonics Industry Consortium), a asociación máis importante que reúne a todas as empresas dedicadas a esta tecnoloxía; Ronald Broeke, director general de Bright Photonics; David Mackey, CTO e fundador de mBryonics e Francisco Soares, un dos máximos responsables do Instituto Fraunhofer Heinrich Hertz, o centro mais relevante de Europa en telecomunicacións aplicadas. Ao remate das intervencións, Francisco Diaz moderará unha mesa de traballo entre os expertos e as empresas galegas participantes.