DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iniciativa STEM para o alumnado preuniversitario, organizada pola EEME

Vigo acolle a II Olimpíada da Enerxía con estudantes de toda Galicia

Combina test, debates e actividades en equipo para achegar o sector enerxético á mocidade galega

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Visitas
  • Cultura
D. Besadío DUVI 29/04/2026

70 estudantes de ensino de medio de diferentes puntos da xeografía galega están a participar este mércores no campus de Vigo na II Olimpíada da Enerxía, unha iniciativa organizada desde a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía co obxectivo de ampliar o coñecemento e a comprensión da ciencia e tecnoloxía do alumnado preuniversitario de Galicia, traballando contidos de disciplinas STEM relacionadas co sector enerxético (recursos enerxéticos, xeración e distribución de enerxía, aproveitamento eficiente...).

Chegados desde Santiago de Compostela (IES Plurilingüe Rosalía de Castro), Xinzo da Limia (IES Lagoa de Antela), Monforte de Lemos (IES Río Cabe), Pontevedra (SEK Atlántico)  e Vigo (IES do Castro), deulles a benvida a directora da escola, Elena Alonso, coordinadora do proxecto, e a partires de aí arrancaron un programa de actividades que se prolongará ata as 17.30 horas, coincidindo coa entrega de premios as gañadoras e gañadores.

Múltiples actividades nas que competir, aprender e debater

Ao longo de toda a xornada realizarán cinco probas, tanto individuais (test teórico) como por equipos, algunhas obrigatorias e outras optativas. A idea é que aprendan divertíndose, así como, espertar nelas e neles curiosidade e interese sobre os temas enerxéticos, facéndoos conscientes da relevancia que ten este sector na calidade de vida das persoas.

Ademais do test teórico, disputan a proba ‘fake news’, dirixida a combater a desinformación sobre os temas enerxéticos; ‘mulleres enerxéticas’, coa que se busca pór en valor o papel das mulleres neste sector; unha proba de divulgación científica,  na que os participantes teñen que explicar como funciona unha central hidroeléctrica ou unha planta solar fotovoltaica, e outra de debate, centrada nesta ocasión na enerxía nuclear e a transición enerxética. 

“Ademais, xa pola tarde e fóra da competición formal, realizarán en equipos mixtos, compostos por estudantes de diferentes centros de Ensino Secundario Obrigatorio e Bacharelato, unha xincana enerxética”, explica a profesora Raquel Pérez Orozco, subdirectora de Divulgación Científica e Captación da escola e integrante do comité organizador das olimpíadas.

Premios individuais e por centros para as e os mellores clasificados

A entrega de premios contará coa participación da coordinadora do proxecto, Elena Alonso, e da profesora Raquel Pérez Orozco, así como representantes das entidades patrocinadoras: Naturgy SL, o Colegio de Ingenieros de Minas del Noroeste e o Consello Social da Universidade de Vigo.

Entregaranse premios aos mellores clasificados en cada unha das probas (un premio individual e catro premios de equipo); un primeiro e segundo premio individuais aos mellores alumnos e alumnas de 4ª da ESO e outro primeiro e segundo premio ‘Enerxéticas’ para as dúas alumnas mellor clasificadas. Así mesmo, tamén se entregarán cadanseu premio aos dous centros que acaden unha mellor clasificación: primeiro premio e segundo premio COIMNE, dotados con 600 e 300 euros, respectivamente; e primeiro e segundo premio Naturgy, consistente nunha visita a unha instalación de renovables deste grupo.