DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As V Xornadas para a Promoción do Mecenado terán lugar os días 9 y 10 de maio

Vigo acollerá un encontro nacional para fomentar a doazón ás universidades

Organizadas polo Consello Social da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Institucional
DUVI 03/05/2019

O exercicio de doar á universidade en 9 experiencias: axudas legais, axudas  fiscais, axudas de comunicación é o lema do programa elaborado polo Consello Social da Universidade de Vigo para as V Xornadas para a Promoción do Mecenado Universitario, que, os días 9 e 10 de maio, se celebrarán na Fundación Barrié en Vigo. Esta iniciativa consolida ao Consello Social como referente nacional nesta temática, que nesta ocasión reunirá en Vigo aos representantes dos Consellos Sociais e as universidades españolas (CCSS) de cara a explorar e facilitar a captación de investimento externo para ás universidades. 

O fomento da capacidade de captar recursos dende a iniciativa privada está entrando, dende hai uns anos, nas universidades públicas españolas, permitindo que as entidades de educación superior procuren doazóns para investir nos departamentos de I+D+i, aínda que que “recibir recursos para investigación, para innovación ou para acceder á educación por alguén externo ao noso ecosistema non é sempre un exercicio que se resolva de forma sinxela nas universidades públicas españolas e, se a isto lle engadimos os efectos dunha crise económica potente, teremos que esforzarnos para ser activos na procura de solucións”, salienta Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo. 

Durante os dous días que dura esta actividade, abordaranse as axudas legais, fiscais e de comunicación, así como a organización dos departamentos de fundraising e mecenado das universidades en España. Neste senso, os obxectivos destas xornadas pasan por buscar novos modelos que palíen os efectos da crise, a captación de recursos privados, a relación entre empresa e universidade, a visión da administración pública ou os observatorios de egresados como distintas fórmulas para posibilitar o mecenado nas universidades públicas.  

Dous días de actividades

O día 9 de maio inaugurase a edición deste ano, e, nos distintos relatorios, estudáranse formas de abordar e enfocar casos  concretos de fundraising e mecenado. Pedrosa, subliña que “aos que doan se lles debe facilitar o labor”, por iso, nesta iniciativa, expertos de distintos ámbitos darán a coñecer técnicas para potenciar a filantropía e a doazón como elementos estratéxicos que axudan ao desenvolvemento das universidades.

Ao longo das distintas actividades que enchen o programa das V Xornadas para a Promoción do Mecenado Universitario participarán expertos e poñentes procedentes dos distintos puntos de España entre os que figuran Luis Espada, ex reitor da Universidade de Vigo; Xavier Labandeira, catedrático de Economía da UVigo; Victor Nogueira, presidente da Asociación da Empresa Familiar en Galicia; Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia e Antonio Abril, presidente dos Consellos Sociais y as universidades españolas (CCSS). Ademais, contarase cunha mesa redonda na que participaran directores de distintos medios de comunicación. 

Durante as dúas xornadas deste simposio abordaranse temas como o observatorio de egresados da Universidade de Vigo como modelo de mecenado; os efectos da crise económica no financiamento das universidades públicas: o papel dos medios de comunicación no mecenado; a captación de recursos privados para a I+D+i ou a incidencia e a disposición da empresa familiar de cara ao mecenado. 

Para todos os públicos

Aínda que as V Xornadas para a Promoción do Mecenado Universitario se constitúen como unha actividade de estudo e formación do persoal docente e investigador, do persoal de administración e servizos e do alumnado, tamén están abertas a traballadores e directivos de fundacións, organizacións gubernamentais e non gubernamentais e de asociacións, tanto públicas coma privadas, interesados na captación de fondos.