DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo grupo de investigación LVTC

Vigo acollerá por primeira vez o Congreso Europeo de Lingüística Sistémica Funcional

Celebrarase do 15 ao 17 de xuño en Afundación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 24/03/2023

Por primeira vez dende que botou a andar hai máis de tres décadas, o Congreso Europeo de Lingüística Sistémica Funcional terá a cidade de Vigo como sede. A trixésimo segunda edición deste simposio celebrarase do 15 ao 17 do vindeiro mes de xuño na cidade olívica organizado polo grupo de investigación LVTC (Language Variation and Textual Categorization) da Universidade de Vigo.

Trátase dun congreso que se celebra anualmente no continente europeo dende 1992 e aínda que xa recalou en España en anteriores ocasións (Madrid en 1993; Valencia en 1995; Miraflores en 2002 e Salamanca en 2017), nunca o fixera en Galicia. Como explica Ana Elina Martínez-Insua, profesora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e responsable do comité organizador, “o obxectivo primordial da Lingüística Sistémica Funcional é o estudo e a descrición do proceso comunicativo, prestando atención a como as mensaxes que o ser humano produce resultan eficientes á hora de comunicar a realidade circundante da maneira máis adecuada tendo en conta á(s) persoa(s) interlocutora(s), o contexto situacional e o contexto cultural. De maneira paralela, acéptase que a comunicación é inherentemente multimodal en tanto que o seu funcionamento non se circunscribe so ás mensaxes lingüísticas propiamente ditas senón que tamén está presente nas imaxes, nos xestos e mesmo nos silencios.

Un congreso estratéxico

Martínez-Insua destaca que este congreso é “estratéxico” para o grupo LVTC e concretamente para o comité organizador, “ en tanto que nos sitúa no mapa da comunidade científica como equipo de relevancia na investigación sistémico funcional”. Tamén considera se que trata dun evento “moi relevante” para as e os investigadores da Facultade de Filoloxía e Tradución e do ámbito humanístico en xeral da UVigo, “ posto que inclúe entre as súas liñas de investigación cuestións que atinxen á lingüística computacional, a multimodalidade (moi conectada con, por exemplo, a interpretación ou a lingua de signos), a imaxe, etc”.

A oportunidade de organizar e acoller este simposio naceu, como explica a docente, do feito de que algúns membros do grupo de investigación LVTC forman parte da European Systemic Functional Linguistic Association (ESFLA) e realizan investigación aplicando a Lingüística Sistémica Funcional. Isto levounos a participar nos congresos anuais con certa regularidade, así como en diversas escolas de verán e cursos de formación convocados por ESFLA e teñen invitado a lingüistas de recoñecido prestixio neste ámbito da investigación lingüística para que impartisen pequenos seminarios de formación na Facultade de Filoloxía e Tradución. 

Primeira edición 100% presencial tras a pandemia

Dende a organización agardan contar cunha ampla participación, xa que esta será a primeira edición 100% presencial tras a pandemia. Como avanza Martínez-Ínsua “estamos contentos porque as cifras de participación son similares ás de edicións anteriores á pandemia e xa recibimos máis de 110 propostas entre comunicacións, pósteres e simposios”.

Sobre os perfís das e dos asistentes, explica que aínda que variados, en xeral responde a investigadores da lingüística interesados no estudo da comunicación humana tendo en conta os contextos nos que se produce e os medios e canais que emprega. “O modelo da Lingüística Sistémica Funcional, tal e coma ocorre en tantos outros ámbitos de investigación, ten puntos de proximidade ou conexión con outros modelos relacionados e o congreso está aberto a explorar tales puntos, ademais de afondar no estudo propiamente sistémico funcional”.

En concreto, esta edición centrarase nos desenvolvementos (cognitivos) en comunicación multimodal (dixital): expandindo as fronteiras tradicionais en SFL. A partir da asunción de que a interacción humana é inherentemente multimodal, e da aceptación do codesenvolvemento da sociedade e dos medios dixitais para a comunicación e a súa análise, esta conferencia pretende afondar na explicación da linguaxe e outros modos de creación de significados, e explorar modelos. para a representación de tal multimodalidade. A conferencia invita a SFL e disciplinas asociadas a abordar o estudo da comunicación verbal e non verbal en forma de presentacións en papel, pósters e simposios dun só tema con varios relatores.

O programa, aínda non pechado, inclúe tres conferencias plenarias que tratarán de “subliñar o feito de que, na procura dunha explicación eficiente da natureza multimodal da comunicación, se poden integrar de maneira satisfactoria o modelo sistémico funcional, o cognitivo e psicolingüístico e a tecnoloxía dixital, dado que comparten certas bases epistemolóxicas de relevancia”. As convidadas serán Rebekah Wegener, da Universidade Paris Lodron de Salzburgo; Kay O’Halloran, da Universidade de Liverpool e Inés Olza, da Universidade de Navarra.