DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada polo Cinbio en colaboración co Inibic, terá lugar o 27 de decembro en Afundación

Vigo acollerá por primeira vez a XIII Reunión de Jóvenes Investigador@s en el Extranjero

Coa participación de 80 mozos e mozas de Galicia que desenvolven a súa carreira noutros países

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Visitas
  • Investigación
DUVI 16/12/2022

Non existe ningunha estatística oficial que reflicta cantas investigadoras e investigadores españois traballan no estranxeiro na actualidade, pero aínda que as universidades e os organismos públicos de I+D tratan de reter o talento e de traer de volta o que xa optou por emigrar, este colectivo segue medrando. Algúns deles regresan á casa polo Nadal, unha boa ocasión para organizar unha xuntanza na que poidan poñer en común a súas visións, necesidades e expectativas. Este é o obxectivo da Reunión de Jóvenes Investigador@s en el Extranjero que este ano, por primeira vez, se celebrará en Vigo.

Organizada polo Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio, en colaboración co Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (Inibic), reunirá arredor de 80 mozos e mozas investigadores que traballan fóra da España na décimo terceira edición que se vai celebrar o día 27 de decembro na sede de Afundación a partir das 10.00 horas. 

Italia, Estados Unidos, Reino Unido, Bélxica, Alemaña, Francia ou Suecia son algúns dos países nos que desenvolven a súa carreira profesional as e os participantes desta cita que, cada ano, reúne a persoal investigador junior galego no estranxeiro que desenvolve a súa carreira profesional principalmente arredor de liñas de investigación vinculadas á biomedicina. O obxectivo é fomentar sinerxías e brindarlles a oportunidade de aproveitar a súa volta a Galicia polo Nadal para dar a coñecer o seu traballo e informarse de posibles opcións de retorno. “Esta reunión permítenos crear e manter o vínculo con todas as investigadoras e investigadores que están fóra de Galicia por distintos motivos”, afirma David Posada, catedrático e investigador do grupo de Filoxenómica do Cinbio e membro do comité organizador desta cita. Tras doce edicións celebradas na cidade de A Coruña, “este ano o IYI Meeting viaxa por primeira vez a Vigo coa idea de comezar a rotar esta reunión por diferentes puntos de Galicia e facilitar así a asistencia de todas as investigadoras e investigadores interesados”, explica Posada, que engade un agradecemento especial a María Mayán e ao seu laboratorio do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (Inibic).

Biomedicina como temática protagonista

A xornada dará comezo ás 10.00 horas cun acto de apertura no que participarán María Mayán e David Posada, como membros do comité organizador, xunto coa vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; o director do Cinbio, Miguel Correa, e Hugo López, secretario da asociación InvestiGal (Rede Galega pola Investigación) e investigador do grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING) do Cinbio. 

Ao longo da mañá sucederanse un total de vinte charlas breves divididas en tres bloques, nas que as científicas e os científicos participantes presentarán traballos de diversos ámbitos da ciencia, destacando a biomedicina como temática central. Por exemplo, abordaranse temas como o papel de TBX4 na hipertensión arterial pulmonar, o machine learning para o diseño molecular; o uso de neuroestimulación do cerebelo para comprender comportamentos sociais; a xenética de poboacións aplicada a pesqueiras en Groenlandia; a causas xenéticas de múltiples nevus melanocíticos conxénitos: o modelado estatístico de sintonización direccional para picos neuronais; a biodiversidade do solo e a súa importancia para a saúde dos agroecosistemas ou o papel da carga mecánica na homeostase e a enfermidade da cartilaxe.
A xornada pecharase cunha votación para elixir as mellores intervencións e a entrega de premios e cunha sesión de micro aberto. 


Na páxina web do evento pódese consultar o programa completo así como toda a información