Celebrarase en Redeiras os días 1 e 2 de outubro organizado por docentes da FFT
Vigo acollerá o XXII Encontro de morfólogos co foco posto nos estudos contrastivos e a diversidade lingüística
Estará dedicado ao docente da UVigo Antonio Rifón, falecido en 2022
Por segunda vez, Vigo acollerá o Encontro de morfólogos, un evento que terá lugar no mes de outubro organizado, nesta XXII edición, por un grupo de docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
Baixo o título Tecer morfoloxías: estudos contrastivos e diversidade lingüística, este simposio reunirá expertos e expertas tanto nacionais como estranxeiros no edificio Redeiras os días 1 e 2 de outubro. Como explica a profesora do Departamento de Linguas Española e membros do comité organizador María Méndez, trátase dun “encontro coqueto” porque “as persoas dedicadas á morfoloxía non son tantas” polo que está prevista a asistencia dunhas “20 persoas especialistas como comunicantes, palestrantes e presentando pósteres procedentes de 12 universidades diferentes, algunhas delas estranxeiras”.
Patrocinado polo Consello Social e o Instituto de Investigación iLingua, é a segunda vez que este simposio se celebra en Vigo, tras unha primeira cita na cidade olívica en 2010, organizada polo profesor Antonio Rifón, falecido en 2022, “a quen lle imos dedicar coma homenaxe esta edición”, como detalla a profesora Méndez.
Un enfoque contrastivo e tres palestras plenarias
Como explica a docente do Departamento de Lingua Española, “nesta edición, como noutras ocasións, tómase como punto de partida a morfoloxía do español, pero cun enfoque contrastivo co fin de acoller estudos comparatistas que dean lugar a unha visión holística e interlingüística dos fenómenos morfolóxicos. Todo isto coa convicción de que ampliar as mostras de linguas analizadas pode enriquecer e achegar novas liñas de traballo ás investigacións en español”.
Deste xeito, “os estudos contrastivos terán un protagonismo que ata agora nunca tiveran neste congreso” e o programa incluirá dúas palestras en galego e unha sobre lingua de signos “que é fundamental para reivindicar e visibilizar os estudos neste eido”.
Por unha banda, está convidada María José Rodríguez Espiñeira, catedrática do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias (iLTIUS). Na súa intervención falará sobre o Contacto español-gallego: cognados y copias léxicas en la derivación adjetival.
Outra das convidadas será Aida Villaécija, intérprete de lingua de signos catalá e profesora no Departamento de Tradución e Ciencias da Linguaxe da Universidade Pompeu Fabra. A súa área de investigación céntrase na morfoloxía, a lexicografía e a creación de neoloxismos e ofrecerá un relatorio titulado Entre manos y palabras: procesos léxicos, derivativos y flexivos en lengua de signos catalana (LSC) y su lugar en la intermodalidad.
A terceira plenaria correrá a cargo de Francisco Xosé Dubert, profesor do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Instituto da Lingua Galega (ILG), cun relatorio titulado O xénero nos substantivos galegos: a formación de palabras parasita a flexión?
O simposio arrancará o xoves 1 pola tarde coa homenaxe ao profesor Antonio Rifón, completando a xornada cun programa social. As presentacións, comunicacións e relatorios concentraranse durante toda a xornada do venres. As comunicacións aceptadas abordarán aspectos diversos como un estudo contrastivo dos neoloxismos entre o chino mandarín e o español; a linguaxe non binaria en galego; unha aproximación ao xénero neutro en español; a clase morfolóxica e as representacións de xénero na infancia; o pasado e presente do sufixo -ico como indexicalizador da variedade dialectal murciana ou a presentación da experiencia dun taller de neoloxismos con nenos, entre outros temas.
