DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa presenza de 52 universidades e máis de 2700 graos

Vigo amosa a súa oferta académica en UNIferia, a primeira mostra virtual para o futuro alumnado universitario

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 01/04/2019

Dende hoxe luns e ata o venres o futuro alumnado universitario ten unha cita coa primeira feira virtual do ensino superior que se celebra en España. UNIferia está organizado pola Crue Universidades Españolas e nel participan 52 institucións de ensino superior do Estado que presentan a súa oferta académica con máis de 2700 graos. O futuro alumnado universitario tan só precisa acceder á plataforma web a través dun dispositivo móbil ou dun ordenador e, unha vez rexistrados, poderán coñecer nun paseo virtual as diferentes universidades, facultades, escolas e a oferta académica que mellor se adapta ás súas necesidades. A plataforma dispón de diferentes filtros de busca: por palabra clave, tipo de universidade, comunidade autónoma, rama de coñecemento, modalidade de estudo, dobres titulacións e idioma da docencia, etc. Tamén se oferta información sobre notas de corte, procesos de selección, admisión, tipos de prazas (para Bacharelato, FP, deportistas de alto nivel, maiores de 25 anos, de 45 anos ou de 40 anos con experiencia profesional acreditada, etc.) 

Outros dos temas sobre os que a feira achega información son as bolsas e axudas de estudo, desprazamento, comedor, etc. que oferta o Ministerio de Educación y Formación Profesional, as comunidades autónomas e mesmo as axudas propias de cada universidade. Neste sentido, tamén hai unha sección específica para os programas de mobilidade, os destinos e as axudas económicas correspondentes. Os e as alumnas participantes tamén poderán atopar datos sobre as prácticas en empresas e institucións, tanto as académicas como as pre-profesionais. A oferta complétase con información sobre formación complementaria, servizos, bibliotecas, participación estudantil, etc.

Ademais, as universidades están dispoñibles a través de salas de conversas en liña e postos virtuais para resolver calquera dúbida ou cuestión por parte dos futuros estudantes na procura da mellor titulación.
No expositor virtual, a Universidade de Vigo amosa nesta feira a súa oferta académica, con 125 grados e mestrados oficiais, 36 programas de doutoramento, titulacións de programación conxunta e dobres titulacións con universidades estranxeiras. O alumnado que se pase por este posto de atención virtual tamén atopará información sobre aloxamento, residencias propias e concertadas, axudas e bolsas de diferentes tipos, Biblioteca Universitaria, Área de Benestar, Saúde e Deporte ou prácticas e inserción laboral.