DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde hoxe e ata o venres na Semana Formativa Academia de Excelencia Balcáns

Vigo amosa as súas capacidades no ámbito da internacionalización a universidades dos Balcáns

A colaboración, a través de proxectos europeos, comezou en 2012 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/06/2018

60 docentes de universidades de Albania, Serbia, Bosnia e Hercegovina e Montenegro coñecerán desde hoxe e ata o vindeiro venres na Semana Formativa Internacional Academia de Excelencia Balcáns-Universidade de Vigo as estratexias de internacionalización e proxectos de cooperación educativa que desenvolve a institución académica viguesa, que dende hai catro anos colabora con varias universidades dos Balcáns, a través de proxectos europeos de mobilidade e de construción de capacidades. “É unha semana intensiva internacional de formación para acadar un maior impacto, visibilidade e cooperación internacional cos Balcáns no marco do programa europeo  Eramus +KA107 e grazas ao proxecto presentado pola Universidade de Vigo en calidade de entidade coordinadora, 2016-1-ES01-KA107-024540, financiado polo Sepie”, explica Eva Garea, técnica superior de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, que foi a encargada, xunto ao vicerreitor de Relacións Internacionais, Jesús Simal, de dar a benvida ás e aos participantes nas sesións, así como de impartir o primeiro dos paneis da semana, dedicado á estratexia internacional da Universidade de Vigo.

“Para nós é moi importante celebrar esta semana internacional, que será unha grande oportunidade para que vós coñezades as actividades que no campo da internacionalización desenvolvemos e tamén para intercambiar ideas para promover a cooperación entre as vosas e a nosa institución”, dixo Simal na inauguración das xornadas, na que invitou ás e aos participantes a coñecer os tres campus da Universidade e Galicia. Ademais de agradecer a presenza en Vigo das e dos representantes de tres universidades de Albania; tres de Bosnia e Hercegovina; dúas de Montenegro e catro de Serbia, o vicerreitor tamén destacou a participación na semana internacional de representantes de institucións chinesas, italianas, portuguesas e turcas.

Intercambio de ideas e boas prácticas

Organizada en sete paneis temáticos, ao que se engade un curso intensivo de introdución ao español, esta xornada formativa entre docentes e persoal procedente dos Balcáns e local, permitirá intercambiar ideas e boas prácticas, “así como fomentar a implementación de novos proxectos de cooperación educativa internacional”, explica Garea, que lembra que o primeiro proxecto desenvolvido pola Universidade de Vigo nos Balcáns remóntase ao ano 2012, no marco do programa Tempus, centrado en medidas estruturais con Bosnia e Hercegovina no ámbito da calidade, no que a institución académica viguesa participo como socia. 

Neste intre, a relación entre Vigo a as institucións académicas dos Balcáns, materialízase en tres proxectos, dous de mobilidade, nos que a Universidade de Vigo é coordinadora (Erasmus Mundus Green Tech WB Proyect e Erasmus + KA107 Project With The Western Balcans, que prevé preto de 100 mobilidades) e un terceiro de construción de capacidades (Erasmus+ KA2 Capacity Building). “Grazas ao traballo desenvolvido pola Universidade de Vigo durante os últimos catro anos nos Balcáns, unha das zonas prioritarias de cooperación da UE, a nosa institución foi quen de establecer uns vínculos estreitos de colaboración cos Balcáns que nos permitiron presentar esta nova proposta KA107 cun número moi elevado de mobilidades e recibir hoxe un número importante de docentes interesados en coñecer o traballo de internacionalización que se desenvolve na nosa universidade”, explica Garea, que amosa a súa esperanza que cara á nova programación Eramus+ 2021-2027, cun grande incremento previsto de orzamento, se poidan presentar de xeito conxunto novos proxectos.