A cifra fíxose pública esta semana coincidindo coa celebración do Día Mundial contra esta doenza
Vigo Contra o Cancro doa 51.800 euros ao proxecto de loita contra o sarcoma liderado por María Mayán
"Sentir o apoio directo da sociedade é unha gran satisfacción que acollemos con moito agradecemento"
Os beneficios da derradeira carreira Vigo Contra o Cancro, 51.800,95 euros, destinaranse de xeito íntegro ao proxecto Nuevas oportunidades para pacientes con sarcoma – VIGO4SAR, liderado pola investigadora María Mayán Santos desde o grupo CellCOM do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, xunto co oncólogo Juan Carrasco, do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). Así o fixo público a asociación esta semana coincidindo coa celebración este mércores 4 de febreiro do Día Mundial contra o Cancro.
Esta importante achega económica supón un apoio decisivo para o desenvolvemento dun proxecto pioneiro que está centrado na personalización dos tratamentos en pacientes con sarcoma, un dos tipos de cancro menos frecuentes e, ao mesmo tempo, cun forte impacto social por afectar maioritariamente á poboación infantil e xuvenil. “Grazas a esta axuda poderemos avanzar no desenvolvemento dunha plataforma que nos permita estudar a eficacia de terapias dirixidas e inmunoterapias en pacientes con sarcoma, contribuíndo así a personalizar o tratamento neste tipo de tumores, e intentar identificar novos biomarcadores que poidan axudar a mellorar o diagnóstico ou o manexo do paciente», explica Mayán.
“Énchenos de alegría e enerxía porque vén do esforzo e do cariño da xente”
Para a investigadora, o valor desta iniciativa vai máis aló do estritamente científico. “Énchenos de alegría e enerxía porque vén do esforzo e do cariño da xente que está detrás de Vigo Contra o Cancro e da xente de Vigo, que, a pesar do temporal do día da carreira, contribuíu para que nós puidésemos recibir esta axuda para a investigación”, destacou.
En relación ao significado social desta recadación, considera que se trata do reflexo dun cambio de conciencia colectiva. Desde o seu punto de vista, demostra que a xente sabe o que ten que facer para facerlle fronte a unha enfermidade como o cancro, neste caso, o sarcoma. “Saben que sen investigación non avanzaremos, e iso é moi importante. Hai uns anos esta mensaxe non calaba na sociedade; hoxe en día iniciativas como esta demostran que a sociedade quere máis investimento en I+D+i”, recalca a responsable do proxecto.
Doce anos de compromiso coa investigación e coa cidade
O anuncio desta recadación coincide co peche dunha etapa. O pasado 31 de decembro a Asociación Vigo Contra o Cancro cesou a súa actividade na cidade, despedíndose cunha carta aberta cargada de agradecemento á cidadanía viguesa por doce anos de compromiso colectivo.
Ao abeiro da realización deste balance final, María Mayán aproveita a ocasión para manifestar o seu agradecemento persoal a todo o traballo levado a cabo pola asociación. “Gustaríame agradecer de corazón todo o esforzo, o tempo e as ganas que puxeron as organizadoras da carreira e de Vigo Contra o Cancro; son un exemplo a seguir”, indica a investigadora, quen lembra que ao día seguinte á celebración da carreira apareceu na prensa un titular que dicía ‘non hai temporal que free a vontade’, e iso lémbralle “o carácter das viguesas e dos vigueses, aos que estamos profundamente agradecidos”.
Este legado queda reflectido non só nas cifras, senón tamén en proxectos como VIGO4SAR. Tal como resume Mayán, “Sentir o apoio directo da sociedade é unha gran satisfacción, que acollemos con moito agradecemento e cunha enorme responsabilidade».
