DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns arrancou unha nova edición, centrada nos retos que supón a economía dixital

Vigo consolídase como sede do congreso máis importante de España sobre dereito da competencia

Na xuntanza danse cita máis de trinta especialistas en propiedade industrial e intelectual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 27/09/2021

Tres edicións e as tres en Vigo. Este luns arrancou na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo a III edición do Congreso Internacional Carlos Fernández Novoa. Novas tendencias no dereito da competencia e da propiedade industrial e intelectual, un encontro que consolida á cidade de Vigo como sede do congreso “máis importante de España nesta materia”, tal e como salientan os seus coordinadores, os profesores da Área de Dereito Mercantil, Pablo Fernández Carballo-Calero e Francisco Torres, que fan tamén fincapé en que se trata dunha “oportunidade inmellorable” para analizar, “da man dos principais especialistas”, as novidades que se produciron no ámbito do dereito da competencia e da propiedade industrial ao longo dos dous últimos anos.

Por diante quedan dous días para falar sobre os retos e as novas tendencias que as tecnoloxías de Internet presentan para o comercio, a publicidade, os dereitos exclusivos da propiedade industrial ou as leis antimonopolio.  “O obxectivo é pór en común as problemáticas  máis novidosas que se están formulando nestes ámbitos e anticipar aquelas que se poden producir no futuro próximo”, tal e como salientaron os organizadores.

O encontro, que serviu tamén de marco para a presentación dun novo volume da revista Actas de Derecho Industrial y Derecho de Autor,  estaba previsto  que se celebrase o ano pasado pero, debido á pandemia, aprazouse ata este ano, celebrándose agora en formato semipresencial, con parte dos asistentes e dos poñentes seguindo o encontro no salón de actos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e, outra parte,  a través do Campus Remoto da UVigo. “Á marxe dos relatores que forman parte dos paneis, contamos coa participación de 30 investigadores que presentarán comunicacións sobre temas moi variados o cal xa é un éxito e un síntoma do interese que espertou este evento”, recalcan os organizadores.

De acto-homenaxe a congreso bianual

A inauguración da xuntanza contou coa participación do presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves; o presidente da Red Académica de Derecho de la Competencia, Antonio Robles, e o catedrático da Área de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, Anxo Tato, co-director do congreso xunto co tamén catedrático Julio Costas Comesaña. “A idea inicial desta xuntanza era homenaxer ao, naquel momento recén falecido, profesor Carlos Fernández Novoa, o gran creador desta disciplina en España, pero a medida que comezamos a traballar, o que ía ser unha pequena homenaxe, acabou convertida nunha xornada e, o que ía ser unha xornada, rematou sendo un congreso de carácter bianual”, explicou Anxo Tato na apertura desta terceira edición do evento. 

As primeiras verbas da apertura do congreso foron de agarimo e lembranza cara ao profesor homenaxeado, non só por parte da organización, senón tamén de Antonio Robles, presidente da Red Académica de Derecho de la Competencia, a quen o profesor Fernández Novoa lle dirixira a súa tese e de quen lembrou, sobre todo, o seu estilo “preciso e amable”. No caso do presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves, alumno tamén do profesor Fernández Novoa na Universidade de Santiago de Compostela, salientou a importancia de que a xuntanza se celebre nun intre no que os debates sobre estas cuestións están en pleno orde do día, en referencia, por unha banda, ás dúas leis propostas pola Comisión Europea para regular as competencias dos mercados dixitais e, pola outra, ao debate existente en España en torno á modificación da normativa que regula a de defensa da competencia. “No ano 2020 as autoridades da competencia de Cataluña, País Vasco, Valencia, Aragón, Andalucía e Galicia elaboramos un documento conxunto que recollía o sentir das mesmas, no senso de que tratabamos de evitar que o borrador do proxecto de reforma da Ley da Defensa da Competencia suplise certas carencias, entre elas, unha mellor distribución das competencias”, subliñou López-Chaves, quen indicou que este texto finalmente non foi tido en conta. Non obstante, a reforma segue o seu trámite e atópase agora no Congreso dos Deputados e, precisamente, “a semana pasada comparecemos alí para expor todos eses puntos comúns aos que chegamos e que deben ser tidos en conta”.

Dous días de debate e máis de trinta comunicacións

Tras o acto de apertura, o programa do congreso arrancou coa presentación de toda unha serie de comunicacións centradas no dereito antitrust. Moderados polo profesor Julio Costas expuxéronse traballos sobre big data e o poder de mercado, o uso masivo de datos por parte das plataformas audiovisuais de streaming, as prácticas de exclusión das plataformas con posición de dominio en mercados dixitais ou o acceso entre fronteiras a contidos audiovisuais emitidos en liña e xeo-bloqueo por razóns de copyright.  Tras estas comunicacións chegou o primeiro panel, centrado neste caso nos problemas, retos e obxectivos do Dereito da Competencia na economía dixital.

Xa pola tarde celebrarase unha mesa redonda sobre as claves na masificación dos procesos de indemnización por danos antitrust, así como diferentes comunicacións, entre elas, unha sobre o uso de influencers na publicidade e e o seu encaixe no Anteproxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual ou a obsolescencia programada e o Dereito contra a competencia desleal. A clausura da xuntanza está prevista para mañá martes ás 20.00 horas, logo doutra intensa xornada de presentacións.