DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de maio

Vigo convértese na primeira universidade de España en recoñecer cun distintivo as escolas e facultades máis igualitarias

O obxectivo é promover e incentivar a promoción da igualdade entre homes e mulleres nos centros

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 08/04/2021

Co fin de visibilizar e recoñecer pública e institucionalmente o esforzo de moitas persoas que día a día, na Universidade de Vigo, loitan por investigar, ensinar, transferir, xestionar e producir coñecemento científico incorporando a mirada de xénero e feminista, a institución pon en marcha o Distintivo de Igualdade. Con esta iniciativa, a UVigo convértese en pioneira en todo o Estado en crear un recoñecemento para o esforzo de escolas, facultades e centros propios na promoción activa e permanente da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

A directora da Unidade de Igualdade da Universidade, Águeda Gómez, explica que esta medida está recollida no III Plan de Igualdade e a idea xurde doutras iniciativas similares “como o Athenas Swan en Gran Bretaña ou a posta en marcha polo CSIC que xa leva varios anos cun considerable éxito”. Con estrea desta primeira convocatoria trátase, engade Gómez, de impulsar “unha academia máis humana, igual e xusta e poñer fin dunha vez co pasado histórico de saberes e academias onde as mulleres foron invisibilizadas (Efecto Matilda), excluídas (ata o ano 1910 as mulleres non podíamos estudar na universidade de xeito ordinario) e vítimas dun nesgo epistemolóxico de xénero que amputou ao coñecemento das achegas e puntos de vista da metade a humanidade: as mulleres”.

O distintivo outorgarase cada ano a un centro, escola ou facultade “co fin de que, pouco a pouco, todos o consigan obter e, deste modo, incentivar as políticas públicas de igualdade na nosa institución de ensino superior”. Así, dende a institución tratase de que, ano tras ano, se sumen novos centros “a modo de constelación que, como no caso da Vía Láctea, se converta nun referente europeo pola súa firme aposta pola igualdade en todos os ámbitos da nosa institución, para que a Universidade de Vigo resulte un modelo paradigmático de institución igualitaria e, por tanto, de maior excelencia, se cabe”.

As propostas, ata o 31 de maio

Este é un paso máis na traxectoria da Universidade de Vigo a prol da igualdade real. De feito, lembra Águeda Gómez, “contamos con moitas expertas e expertos en xénero entre o noso persoal académico; desenvolvemos liñas de investigación neste ámbito moi destacadas; o uso da linguaxe inclusiva non sexista está moi normalizado na comunicación institucional e tamén en certos casos, na académica; existen graos con plans de estudo que contemplan materias especificas neste eido e temos equipos decanais e directivos paritarios en moitos centros, escolas e facultades”. Por todo isto, remarca, “é importante poñer en valor estas fortalezas da nosa institución universitaria”.

O distintivo consistirá nunha insignia visual que se visibilizará e exporá publicamente e irá acompañada dunha achega económica, de 3000 euros, para que a dirección do centro empregue en desenvolver políticas de xénero no centro. Para seleccionar os centros merecedores desta marca de excelencia terase en conta se os plans de estudo das titulacións impartidas recollen materias que tratan a igualdade de xénero, tamén o número de persoas expertas en igualdade de xénero e feminismo co que conta o centro, o número de actividades de sensibilización organizadas ou a paridade nos órganos de goberno decanal e directivo.

O prazo de presentación das solicitudes será dende o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Taboleiro de anuncios ata o 31 de maio de 2021.

Unha experiencia piloto que se poderá expandir

Esta primeira convocatoria lánzase como unha experiencia piloto, como explica a directora da Unidade de Igualdade, que agarda que nos vindeiros anos se potencie, por exemplo, ampliándoa máis aló das facultades, “xa que nos consta que na nosa Universidade hai servizos claramente comprometidos co impulso da igualdade real e efectiva de mulleres e homes e algunhas iniciativas, como a solicitude á Xunta de Galicia da gratuidade na matrícula para as vítimas de violencia de xénero, xurdiu dun servizo concreto da nosa Universidade”.

Con todo, Águeda Gómez asume que a solicitude deste distintivo “pode resultar unha actividade complexa que entraña certa burocracia”, pero anima a todas as facultades e escolas a presentarse, “pois dalgún xeito, poderán coñecer e diagnosticar a realidade da igualdade nos seus centros e, no caso de conseguir o distinto, poderán dispor duns recursos para impulsar aínda máis a igualdade entre mulleres e homes”. Tamén considera que se poderá avanzar na mellora dos indicadores, polo que agradece “todas as suxestións e propostas que a comunidade universitaria poida realizar para mellorar esta iniciativa nas próximas convocatorias”.

Criterios de avaliación das propostas

A selección das propostas presentadas realizarase de acordo a unha serie de criterios. Por exemplo, terase en conta que os plans de estudo das titulacións impartidas recollan materias que traten a igualdade de xénero ou, de ser o caso, existan liñas de investigacións propias que incorporen a perspectiva de xénero no centro. Tamén se valorará o número de persoas expertas en igualdade de xénero e feminismo co que conta o centro, así como o número de actividades de promoción e sensibilización da igualdade que teñen lugar anualmente. A comisión de avaliación tamén valorará a paridade nos órganos de goberno decanal e directivo, así como o uso da linguaxe inclusiva e non sexista nos documentos do centro; as políticas de captación e de novo alumnado con perspectiva de xénero ou, de ser o caso, de novo persoal investigador, con perspectiva de xénero ou outras actividades e accións desenvolvidas para a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes no ano anterior.