DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración, ata o mércores, do I Coloquio Internacional BiFeGa na FFT

Vigo convértese esta semana en epicentro do debate sobre estudos literarios, culturais e de tradución e interpretación

A conferencia de apertura correu a cargo da galega Olga Castro, profesora da University of Warwick

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 04/07/2022

As investigadoras e investigadores en estudos literarios, culturais e tradución e interpretación teñen esta semana unha cita na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde este luns botou a andar o I Coloquio Internacional BiFeGa: Literatura, Cultura e Tradución e Interpretación, unha cita organizada polo grupo de investigación BiFeGa-UVigo, un equipo composto na actualidade por máis de medio cento de especialistas, na que participan como poñentes 25 expertas e expertos, tanto persoal permanente e investigador do propio grupo, como persoas convidadas chegadas desde diferentes partes do mundo.

A apertura do encontro, que pode seguirse en directo a través de UVigoTv, correu a cargo do director do grupo, Burghard Baltrusch, profesor da Universidade de Vigo especializado en Literaturas Lusófonas e presidente da I Cátedra Internacional José Saramago, quen fixo unha breve presentación da historia e situación do grupo, destacando a diversidade das súas liñas de investigación e áreas de coñecemento e facendo unha reflexión sobre a posibilidade de potenciar a cohesión interna de cara á necesidade de competir nun contexto que esixe excelencia e impacto internacional da produción científica, así como de futuras convocatorias de axudas. “Un dos obxectivos principais deste coloquio é visibilizar o labor investigador do grupo, reforzar as sinerxías e a súa cohesión, amosando unha das súas características fundamentais: a interdisciplinariedade”, indicou o docente.

Máis de medio cento de investigadoras e investigadores

Sobre o nacemento do grupo, o profesor Baltrusch explicou que BiFeGa naceu da unión de tres grupos de investigación históricos na Facultade de Filoloxía e Tradución: Bitraga, o Feminario, e o grupo GAELT. Hoxe son xa, segundo recalcou, máis de medio cento de investigadoras e investigadores que traballan en sete grandes liñas de investigación. Desde Bitraga, liña de investigación dirixida na actualidade pola profesora Silvia Montero, céntranse na análise do panorama e o desenvolvemento da tradución en Galicia; por parte do Feminario manteñen abertas dúas liñas de investigación máis específicas, unha centrada nos estudos sobre globalización -dirixida pola profesora Belén Martín Lucas-, e outra sobre feminismos, resistencias e estudos poscolinais -da que é responsable a profesora Ana Bringas-. Desde GAELT hai dous campos de estudo abertos, un sobre estudos literarios galegos –a cargo do profesor Manuel Forcadela- e outro sobre estudos lusófonos e de tradutoloxía, onde se inclúe a I Cátedra Internacional José Saramago –a cargo do propio Baltrusch-. A estas cinco liñas de investigación uníronse outras dúas, unha específica de Intepretación –dependente da docente Maribel del Pozo- e outra sobre terminoloxía –a cargo de Iolanda Galanes-.

De Gran Bretaña a Estados Unidos, pasando por Arxentina e Brasil

O coloquio nace, tal e como se destacou na presentación, do desexo do grupo de contribuír a unha divulgación científica de calidade no ámbito das Humanidades. Nesta liña, Baltrusch destacou a ampla proxección internacional do grupo,  desde onde se teceron xa alianzas con outras universidades a nivel global, como a University of Warwick, en Gran Bretaña; a University of Maine, en Estados Unidos; ou as Universidad Nacional de La Plata, na Arxentina; a Università degli Studi di Padova, en Italia, e a Universidade Federal Rio Grande do Sul, no Brasil, entre outras. “Este primeiro coloquio internacional está aberto ao público en xeral, aínda que pode ser de especial interese para investigadoras/es doutros ámbitos pola súa conexión cos eidos histórico, filosófico, político e social”, salienta o investigador.

De carácter semipresencial, a conferencia de apertura correu a cargo da galega Olga Castro, profesora de Estudos de Tradución na Universidade de Warwick, onde dirixe o mestrado Translation and Cultures e onde é subdirectora de estudos de posgrao na Escola de Linguas e Culturas Modernas. Participou no encontro de maneira virtual cun relatorio no que fixo un repaso sobre o xeito no que se adoita presentar a profesión da tradución nos mestrados universitarios do mundo occidental, con especial énfase no espazo anglosaxón. Ao tempo tratou tamén de avaliar ata que punto a profesión da tradución pode ser sustentable desde un punto de vista económico, social e ambiental.

A presenza internacional no coloquio vai chegar tamén da man de Gabriela Luisa Yáñez, tradutora e intérprete autónoma en conferencias e profesora da Universidad Nacional de La Plata, e de Kathleen Nora March,  catedrática emérita de español na University of Maine, quen será, o xoves ás 12.30 horas, a encargada de impartir a conferencia de clausura. Fonda coñecedora da literatura galega, a relación desta filóloga estadounidense, experta en estudos hispanos, latinoamericanos e portugueses, con Galicia remóntase a 1975 cando chegou aquí para investigar sobre a poesía de Manuel Antonio, estudo ao que logo lle seguirían outros sobre Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo, Xohana Torres e tamén Rosalía de Castro. Nesta ocasión a súa intervención realizarase baixo o título De mar a mar. Por que internacionalizar a literatura galega, para que e como facelo?

Escaparate da investigación humanística feita na UVigo

En total presentaranse ao longo destes tres días máis de 20 relatorios, intervencións a través das que se dará boa conta do labor investigador do grupo BiFeGa-UVigo. Entre outras cuestións, están previstos varios relatorios sobre feminismos e resistencias, modelos de diálogos de interpretación, estudos literarios galegos e estudos lusófonos,  interpretación para mulleres xordas en contextos de violencia de xénero, representación do homoeroticismo no exército ou o biopic feminista afroamericano.

Como exemplos concretos de proxectos desenvoltos desde a Universidade de Vigo presentaranse, entre outros, o proxecto JustiSigns 2, dirixido pola profesora Maribel Del Pozo, actual vicerreitora de Internacionalización e co que se busca a mellora na comunicación entre mulleres xordas, migrantes ou solicitantes de asilo que non falan as linguas oficiais do país no que se atopan e que son vítimas de violencia de xénero e os profesionais que as atenden nos diferentes servizos (sanitario, policía, avogacía...). Falarase tamén do Catálogo da Tradución Galega, posto en marcha no 2004 e que está dispoñible para a súa consulta en liña, ou da Rede Galega de Estudos Queer, unha asociación de persoas a cabalo entre a academia e o activismo que quere dar visibilidade e movemento aos estudos de xénero e LGBTIQ+ en Galicia.