DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo da celebración da 13ª edición de MATCOMP, que reúne 350 participantes

Vigo convértese durante tres días no epicentro nacional dos materiais compostos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 03/07/2019

Cun relatorio sobre o estado actual e perspectivas futuras dos materiais de carbono tradicionais e as novas formas de carbono, a cargo da presidenta do CSIC, Rosa M. Menéndez, comezaba este mércores a 13ª edición do Congreso Nacional de Materiales Compuestos (MATCOMP’19). Máis de 350 persoas, entre investigadoras e investigadores, representantes de empresas e institucións públicas, participarán desde hoxe e ata o vindeiro venres no o evento máis importante da comunidade científica, académica e empresarial que se celebra en España sobre os materiais compostos e de altas prestacións. Nesta edición, o impacto concreto que os materiais compostos teñen na industria 4.0 e na economía circular, centran o congreso organizado pola Asociación Española de Materiales Compuestos (Aemac), é o evento, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e a Universidade de Vigo.

Na inauguración do congreso, que se celebra na sede de Afundación, Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria, dixo ás e aos participantes que “vos necesitamos para que desenvolvades novas solucións e procesos para producir novos produtos centrados nos materiais compostos, porque a capacidade de España de fixar tecido industrial está vinculada co coñecemento e o desenvolvemento de solucións innovadoras e isto só se pode facer se traballamos xuntos: industria, coñecemento e administracións”. Conde, que citou o aeronáutico, o forestal e a automoción como sectores económicos de referencia en Galicia, destacou o traballo que a súa consellería está a desenvolver en colaboración coa Universidade de Vigo nestes ámbitos. Para o titular de Economía “o desenvolvemento de novos materiais compostos e a hibridación de diferentes funcionalidades é un elemento determinante que vai marcar a capacidade de España de seguir fixando tecido industrial e novos investimentos e podémolo facer coa colaboración público-privada”, dixo Conde. Pola súa  banda, o vicerreitor de Planificación e Sostenibilidade da Universidade de Vigo, José Luis Míguez, destacou na súa intervención o papel de abandeirado que no uso de materiais compostos xogou o sector aeronáutico e que fixo que outros se sumasen, con especial mención ao da automoción. “A maioría creáronse para mellorar a combinación de propiedades mecánicas como rixidez, tenacidade ou resistencia á tracción”, sinalou Míguez, que tamén destacou que os composites conservan parcialmente as propiedades dos sistemas constituíntes e deséñanse para que presenten a combinación de propiedades máis ou menos favorables, ou non...”, dixo.

Mentres, na súa intervención o presidente de Aemac, Jacinto Tortosa, valorou moi positivamente que a organización do congreso acadase o reto de reunir máis de 350 participantes nun evento “que terá catro sesión plenarias e varias simultáneas con máis dun cento de relatorios nos que veremos o avances en materiais compostos e tamén toda a cadea de valor destes materiais”. Pola súa banda,  Luis Moreno, director xeral de CTAG asegurou que “os materiais compostos xogarán un papel clave na transformación da industria da automoción”, un sector que lembrou terá especial protagonismo neste congreso, no que se abordarán os principais retos internacionais para o uso de composites nos automóbiles e o seu papel na transformación da industria. 

Presente e futuro dos materiais de carbono 

Química de formación, a presidenta do CSIC, Rosa M. Menéndez, lembrou ao inicio da súa conferencia plenaria que leva 40 anos dedicados a traballar con materiais de carbono. Menéndez destacou no seu relatorio Estado actual y perspectivas futuras de los materiales de carbono tradicionales y las nuevas formas de carbono a versatilidade e adaptación ás necesidades do mercado, así como as aplicacións ás que están dirixidos os materiais de carbono, para a continuación analizar como soportarán os materiais de carbono tradicional a irrupción dos novos materiais. Neste sentido, a presidenta do CSIC destacou desde o punto de vista científico a exponencial irrupción do grafeno, que protagonizou máis de 51.000 artigos dos máis de 300. 000 dedicados a materiais relacionados co carbono publicados en 2018. “Ademais desde o punto de vista das patentes o número das relacionadas co grafeno tamén aumentou de xeito significativo e máis que outros materiais”, sinalou Menéndez.

A presidenta do CSIC lembrou a utilización dos materiais de carbono en numerosos sectores como o aeroespacial, defensa, aplicacións enerxéticas ou sistemas de verificación, ao tempo que sinalou en relación cos usos e campos nos que se agarda unha maior penetración do grafeno os da enerxía e a saúde. 

A contribución da Universidade de Vigo

Os grupos de investigación Encomat e GEF son os representantes da Universidade de Vigo na organización do congreso, que considera a docente e investigadora Departamento de Enxeñaría dos materiais, mecánica aplicada e construción e integrante do comité científico, Gloria Pena, “ é una extraordinaria oportunidade amosar o excelente traballo que os distintos grupos están desenvolvendo no campo dos materiais compostos e avanzados, pero tamén para afianzar e estender as colaboracións coas empresas que traballan neste sector, de enorme importancia na nosa contorna”.

A elección da cidade olívica para a celebración do congreso xustifícase pola importancia que o sector ten en Vigo e na súa área de influencia, destacando o impacto que os materiais compostos teñen na industria 4.0 e na economía circular. É por esta razón que no congreso conviven sesións temáticas especiais dedicada á automoción, así como mesas sectoriais: unha centrada nos retos e oportunidades dos composites para o sector transporte, coa participación de representantes de Airbus Defence and Space, Talgo, PSA Peugeot Citroën e un representante do sector naval, e outra sectorial en enerxía, hábitat e ocio, na que participan representantes de Acciona, Galventus, Blindaxe Sport, Norman Foster Fundation e Finsa. 

Así mesmo, celébranse outras sesións especiais, unha dedicada á innovación en Galicia, coa participación de GAIN e Zona Franca de Vigo, e a outra, na que representantes invitados da Asociación Iberoamericana de Materiales Compuestos (ALMACO) exporán as súas liñas de traballo co obxectivo de establecer posibles colaboracións con grupos e empresas españolas.