DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 60 persoas participan na novena edición do workshop internacional MARTECH 2021

Vigo, epicentro da investigación de vangarda en tecnoloxía mariña

Campus do Mar e a Universitat Politécnica de Catalunya organizan este encontro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 16/06/2021

Compartir información e puntos de vista sobre a investigación de vangarda nos diferentes eidos da tecnoloxía mariña. Ese é o obxectivo co que arrancou este mércores o 9th International Workshop on Marine Technology, MARTECH 2021, un encontro virtual organizado polo Campus do Mar da Universidade de Vigo e a Universitat Politécnica de Catalunya no que durante tres días máis de 60 investigadoras e investigadores abordarán aspectos fundamentais no futuro da tecnoloxía mariña. 

“É clave facilitar unha maior cooperación entre as organizacións europeas de ciencias do mar para desenvolver unha visión común sobre as prioridades estratéxicas de investigación mariña. Só así poderemos pechar a fenda entre ciencia e política e afrontar os retos e oportunidades futuros das ciencias mariñas”, salientou a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio, durante o acto inaugural. Rubio quixo agradecer o “arduo traballo do comité organizador, cuxa determinación fixo posible este encontro. Estou segura de que estes días darán  moitas oportunidades para facer contactos e avanzar no pensamento azul”. Pola súa banda, o vicerreitor de Investigación da Universitat Politécnica de Catalunya, Jordi Llorca, tamén quixo salientar a importancia deste foro internacional e “poñer especial énfase no traballo que se está a desenvolver en todos os campos da tecnoloxía mariña”.

55 relatorios en nove sesións

Ata este venres 18 xuño, MARTECH 2021 acollerá un total de 55 relatorios e comunicacións agrupadas en nove sesións, “nove puntos de encontro onde diferentes profesionais das tecnoloxías mariñas compartirán a súa experiencia, coñecemento, datos e información sobre as capacidades da nosa comunidade científica”, destacou o director do Campus do Mar, Daniel Rey. Un workshop especialmente pertinente no ano no que comeza a chamada Década dos Océanos, impulsada polas Nacións Unidas baixo o lema ‘A ciencia que necesitamos para os océanos que queremos’ e que parte “da premisa de que o investimento global en investigación en ciencias mariñas é insuficiente para promover os avances científicos necesarios para apoiar a xestión sostible dos océanos e un maior e máis eficiente fluxo de información entre todas as partes”.

O acto inaugural tamén contou coa presenza da directora da Axencia Galega de Innovación, GAIN, Patricia Argerey, quen destacou “as ciencias do mar como un sector prioritario e cun peso moi importante na nosa economía”. “O mar é un sector absolutamente estratéxico para Galicia e, agora, en pleno proceso de actualización na nosa estratexia de especialización intelixente, estamos convencidos de que terá un peso especial na vindeira década. Este congreso non pode ser máis oportuno, porque reafirma a importancia e o futuro do sector e dá a oportunidade a todos os axentes implicados para que poidan participar e achegar o seu gran de area a ese desenvolvemento e esa vangarda”, recalcou.

O workshop conta con poñentes de gran relevancia, como Juanjo Dañobeitia, director xeral de EMSO ERIC, que na conferencia inaugural do MARTECH 2021 presentou os seus puntos de vista sobre o presente e o futuro da tecnoloxía mariña para a observación do océano profundo; João Sousa, do LSTS-FEUP de Portugal, que centra a súa investigación nos vehículos autónomos submarinos; ou de Lucía Santiago, da Universidade da Coruña, especializada no comportamento dos barcos, o monitoraxe da estabilidade en tempo real ou os sistemas de guía de estabilidade.