DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os vigueses foron os terceiros clasificados na posición global

Vigo, gañadora dos Xogos Galaico Durienses na modalidade de natación

Nesta ocasión, a cidade lusa de Braga foi a anfitrioa do evento

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 22/11/2018

A Universidade de Vigo participou este martes e mércores nos Xogos Galaico Durienses, celebrados na cidade portuguesa de Braga. A delegación viguesa acadou o primeiro posto na modalidade de natación e o terceiro na clasificación global dun evento multideportivo que reuniu a estudantes e técnicos das tres universidades galegas e do norte de Portugal - Trás-os-Montes e Alto Douro, Minho e Porto – e que é exemplo de cooperación transfronteiriza.  

Nesta ocasión, o encontro eurorrexional dividiuse en tres modalidades: natación, na que o equipo vigués tivo a súa mellor actuación; fútbol sala mixto e baloncesto 3X3 masculino e feminino, categorías nas que a Universidade de Vigo finalizou terceira e cuarta respectivamente. Ademais, nos resultados globais, a delegación da institución viguesa, composta este ano por 28 deportistas, tres adestradores e dous técnicos da Área de Benestar, Saúde e Deporte, acadou o terceiro posto xeral tras empatar a puntos cos portuenses, que ao ter dúas vitorias máis que a UVigo nas diferentes modalidades, resultaron segundos, por detrás da Universidade de Minho, vencedora do evento.  

Os xogos pecháronse onte cunha proba de orientación por equipos combinados, integrados por dous representantes de cada universidade por grupo. Unha actividade, que ao igual que o resto do evento, serviu como punto de encontro e de creación de lazos e relacións institucionais entre as seis universidades participantes.