DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o acordaron hoxe a Xunta e as tres universidades 

Vigo incorporará a súa oferta no curso 2021-2022 os graos dual en Tecnoloxía da Automoción e interuniversitario en Relacións Internacionais 

No 20-21 comezaría ademais unha simultaneidade en graos da EE Industrial

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/07/2019

A Universidade de Vigo sumará no curso 2021-2022 dous novos graos a súa oferta académica: o Grao dual en Tecnoloxía da Automoción e o Grao en Relacións Internacionais, que será interuniversitario (o segundo do Sistema Universitario Galego) entre o campus de Ourense, por parte da institución académica viguesa, e o campus de Ferrol, por parte da Universidade de A Coruña. Ademais, no curso 2020-2021 comezará a simultaneidade do Grao en Enxeñería Mecánica e o Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática no campus vigués. Este foi o acordo acadado hoxe entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as universidades galegas e que tamén contempla incorporación do Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía para o curso 2020-2021 na Universidade de A Coruña e o de Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira para o curso 2021-2022 na Universidade de Santiago de Compostela.

O vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo, Manuel Ramos, considera que este “é un acordo satisfactorio para a institución académica viguesa”, ao tempo que agradece “a xenerosidade das universidades de A Coruña e Santiago e da Xunta de Galicia” para actualizar o mapa de titulacións aprobado no ano 2017, compensando ademais no caso de Vigo a perda das titulacións de Robótica e Bioquímica Agroforestal ao pasar de específicas a xenéricas. 

A actualización do mapa de titulacións do SUG, que abrangue o período 2017-2021, foi consensuada hoxe entre o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díaz de Castro, a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente da UDC, Nancy Vázquez; a vicerreitora de Titulacións da USC, María Victoria Otero; e o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da UVigo, Manuel Ramos; no decurso dunha xuntanza de traballo que tivo lugar en Santiago. Nesa reunión tamén se acordou para o curso 20-21 a entrada en funcionamento doutra simultaneidade do Grao en Enxeñaría Mecánica e o Grao en Enxeñaría Eléctrica no campus de Ferrol (UDC).

As novas titulacións de grao propostas polas universidades deberán ser consensuadas polo conxunto do Sistema Universitario Galego e, a posteriori, acadar a avaliación positiva e a autorización de implantación por parte da Xunta. “A partir de agora comezaremos a traballar para, no caso dos graos dual en Tecnoloxía da Automoción e interuniversitario en Relacións Internacionais, que se impartirían no curso 21-22, enviar a verificación en xullo do ano que vén. Mentres, no caso da simultaneidade do Grao en Enxeñería Mecánica e o Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática a tramitación será máis curta, dado que a previsión é de que comece a impartirse no curso 20-21”, explica Manuel Ramos. 

Acordo para non recortar 45 prazas en Belas Artes e manter graos de baixa demanda

Na xuntanza celebrada este martes tamén se acadou un acordo para que a implantación do Grao en Deseño e Creación no campus de Pontevedra, previsiblemente no curso 2020-2021, non implique ter que retirar as 45 prazas previstas no Grao en Belas Artes. “Agora cómpre que cheguemos a un consenso para modular exactamente o numero de prazas que se detraerán do Grao en Belas Artes, pero en ningún caso serán as 45 inicialmente previstas, o cal é positivo”, sinala o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado.

Ramos tamén se amosa satisfeito polo consenso acadado hoxe para que determinadas titulacións con baixa demanda non se deixen de impartir, ata que os novos títulos que as vaian substituír entren en funcionamento. Deste xeito, estas titulacións con pouco alumnado non quedarían en suspenso, como viña ocorrendo, ata que os títulos que as relevaban comezaban a impartirse.