DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Auditum permitirá implementar ferramentas para un mellor control interno das institucións africanas

Vigo lidera un proxecto europeo de case un millón de euros para fortalecer a xestión das universidades marroquís

Seis institucións de Marrocos beneficiaranse da iniciativa financiada pola UE

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 12/01/2018

A rendición de contas por parte das institucións públicas precisa da existencia e correcto funcionamento nestas entidades de estruturas e ferramentas que permitan facer un seguimento de como se gastan os cartos que a sociedade inviste nelas. Se nas universidades públicas europeas o control interno e a realización de auditorías son prácticas inherentes ao seu funcionamento, isto non sempre sucede nas institucións de educación superior de fóra da UE. Co obxectivo de fortalecer a gobernanza nas universidades marroquís a través do desenvolvemento e posta en funcionamento de ferramentas de control da súa xestión e funcionamento, a Universidade de Vigo lidera o proxecto europeo Auditum, no que, cun financiamento de 971.026 euros, colaboran outras cinco institucións académicas de Europa e do que se beneficiarán seis universidades do país africano.

“Cunha serie de socios decidimos promover un proxecto coordinado por nós para trasladar o noso coñecemento sobre a creación dun departamento de control interno, de auditoría e como facer instrumentos de control financeiro nesas institucións”, explica o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernández, que lembra, que a institución viguesa está nos primeiros postos de transparencia das universidades españolas e “tomámonos moi en serio a cultura da rendición de contas”. Auditum desenvolverase ata finais do ano 2020 no marco da convocatoria Erasmus+ CBHE (Capacity Building in Higher Education) e nel participan, por parte europea, baixo a coordinación de Vigo, as universidades Autónoma de Madrid, Université d’Aix-Marseille (Francia), Lodz University of Technology (Polonia), Instituto Superior de Engenharia do Porto (Portugal) e Erasmus University College Brussels (Bélxica) e por parte marroquí as universidades Abdelmalek Essadi, Moulay Ismail, Ibn Tofail, Hassan 1 Settat, Mohammed V, Privée de Marrakech e o Ministerio de Educación Superior de Marrocos.

A docente de investigadora do Departamento de Enxeñaría Telemática Ana Fernández Vilas é a coordina xeral da Universidade de Vigo no proxecto, no que a técnica superior de Relacións Internacionais Eva Garea é a coordinadora técnica e no que tamén participan a xefa do Servizo de Contabilidade, Dolores Ojea Troncoso, e os docentes e investigadores do Departamento de Enxeñaría Telemática Rebeca Díaz Redondo e Manuel Fernández Veiga.

Desenvolvemento de aplicacións e transferencia de boas prácticas

“As universidades marroquís participantes no proxecto desexan fortalecer e desenvolver a súa capacidade xestión, gobernanza e innovación, beneficiándose da experiencia e coñecemento das universidades europeas asociadas, baixo o paraugas da coordinación da Universidade de Vigo”, explica Eva Garea, que lembra que a institución viguesa xa colabora con universidades de Marrocos, como coordinadora, no proxecto CBHE Marmooc e como socia no Expere e no EVAL.

Auditum contempla dúas liñas de traballo: unha tecnolóxica centrada no desenvolvemento de aplicacións para o control financeiro e interno e outra de transferencia de boas prácticas no ámbito da xestión. “Por esta razón, nos equipos do proxecto hai xente de tecnoloxía da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e persoas expertas en control financeiro e interno”, explica o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais. Manuel Fernández incide ademais no feito de que boa parte dos fondos do proxecto destínanse á mobilidade do persoal das institucións académicas, dado que “a idea é que persoal académico e de servizos das universidades marroquís pasen tempo aquí co noso persoal de control interno e financeiro e que nós vaiamos alí a axudar a construír novas estruturas”.

Xunto á mellora da gobernanza universitaria a través da implementación de procedementos con boa relación calidade-prezo, respectando os regulamentos vixentes, o proxecto Auditum permitirá mellorar o rendemento, a lexitimidade e a credibilidade da acción administrativo; a evolución da xestión administrativa puramente estática cara a unha xestión dinámica e a mellora das prácticas de xestión cara a unha mellor calidade de servizo para o beneficio das parte interesadas na universidade, son os .