Un grupo de estudantes da UVigo participou na experiencia 'CalmCampus'
De Vigo a Lodz para probar diferentes propostas de realidade virtual inmersiva
Ao abeiro do proxecto VRxanny que procura reducir os niveis de estrés do alumnado
Traballar en grupos internacionais testando diferentes contornas e proporcionar a súa opinión sobre que funciona e que non, pensando ademais posibles novas aplicacións de realidade virtual no ambiente universitario, son as actividades nas que durante unha semana participaron cinco estudantes da Universidade de Vigo na experiencia inmersiva de realidade virtual CalmCampus, celebrada na Universidade Politécnica de Lodz. Seleccionados a través dunha bolsa ofrecida polo proxecto VRxanny, no que se insería o workshop CalmCampus, os e as cinco estudantes que finalmente participaron na experiencia inmersiva foron elixidos de entre máis de preto dunha trintena de candidatos da UVigo, sen restrición de campus ou titulación.
Na súa experiencia en Polonia, Anxo Gesto e Pablo de las Llanderas, do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación; Juan José López Escobar, do Programa de Doutoramento en Tecnoloxías da Información e Comunicacións; María Cerdeira, do Programa de Doutoramento en Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento e Paola Costa, do Grao en Tradución e Interpretación, estiveron acompañados polos docentes e investigadores Itziar Goicoechea, da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e Iñigo Cuiñas, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
O proxecto VRxanny, lembra Itziar Goicoechea, “busca desenvolver unha aplicación de realidade virtual con diferentes escenarios e actividades para promover a redución dos niveis de estrés nos estudantes cando se enfrontan a un exame.” Un problema que se viu agravado coa pandemia, de xeito que “cando se solicitou o proxecto, estimouse que un 20% do alumnado sufría estrés de xeito continuado (e, por suposto, unha porcentaxe máis grande en momentos puntuais do curso). E para o comezo do proxecto, aló por novembro de 2021, a porcentaxe de estudantes con estrés continuado subira ao 40%”, explica a docente da UVigo.
Unha experiencia moi proveitosa
Cando está a piques de rematar, os promotores do proxecto querían probar a aplicación de realidade virtual con estudantado das universidades do consorcio que participan en VRxanny: Universidade Politécnica de Lodz, Universidade de Vigo, Universidade de Tartu en Estonia, e Universidade de Lodz en Polonia, para o que organizaron o obradoiro CalmCampus, no que o alumnado traballou en grupos internacionais para testar as diferentes contornas, proporcionar a súa opinión sobre as cousas que funcionan ben e aquelas que deben mellorar, e pensar posibles novas aplicacións de realidade virtual no ambiente universitario, que poidan dar lugar a futuros traballos colaborativos.
“O obradoiro resultou moi proveitoso para os e as participantes, tanto profesorado como estudantado, que tiveron a oportunidade de relacionarse nun ambiente relaxado, de probar diferentes propostas de realidade virtual inmersiva, de desenvolver a súa propia creatividade, e tamén, por que non, de coñecer un país e unha cultura diferentes e moi interesante como é a polaca”, explican Goicoechea e Cuiñas.
No caso concreto do alumnado da UVigo, Anxo Gesto e Pablo de las Llanderas, do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, e Juan José López Escobar, do Programa de Doutoramento en Tecnoloxías da Información e Comunicacións achegaron a súa visión tecnolóxica; mentres que María Cerdeira, do Programa de Doutoramento en Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, e Paola Costa, do Grao en Tradución e Interpretación, sumaron puntos de vista dende ámbitos menos próximos á programación de aplicacións, pero fundamentais para crear a inmersividade que buscan as propostas de realidade virtual. A eles sumáronse estudantes de Psicoloxía da Universidade de Lodz, de diferentes enxeñarías da Universidade Politécnica de Lodz, e de varias titulacións (dende a enxeñaría ata artes) da Universidade de Tartu.
Estreita colaboración coa Universidade Politécnica de Lodz
A relación entre a UVigo e a Universidade Politécnica de Lodz reforzábase recentemente coa sinatura, hai unha semana, dun convenio de colaboración entre ambas institucións académicas para a posta en marcha dun dobre máster que combinará o Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, impartido na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, e o Máster en Ciencias en Electrónica e Telecomunicación da Universidade Politécnica de Lodz.
No programa poderán participar un máximo de 10 estudantes, cinco da universidade polaca e outros tantos da institución académica viguesa.