DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Imponse na categoría de Actividade diaria na 1ª Olimpíada Online InterUniversidades

Vigo, referente de universidade saudable e activa

Entre todas as persoas participantes completáronse un total de 63.518,73 km

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
M. Del Río DUVI 29/01/2019

O reto era que entre todos os participantes se completasen quilómetros suficientes para dar a volta a mundo. Pero o obxectivo final da 1ª Olimpíada Online InterUniversidades era diminuír o sedentarismo e a promover hábitos saudables entre a comunidade universitaria. A esta iniciativa, que se desenvolveu entre novembro e decembro, sumáronse 17 universidades de todo o país e, das catro categorías que se desenvolveron, a Universidade de Vigo foi a gañadora na de Actividade Diaria e terceira en running.

Esta olimpíada saudable foi impulsada pola Red Española de Universidades Saludables (REUS) co apoio da Fundación Mapfre e a empresa Sportnet coa finalidade de potenciar a práctica de actividades deportivas e de fomentar hábitos saudables entre as comunidades universitarias, propoñéndolles retos para deixar atrás o sedentarismo. Deste xeito establecéronse catro categorías a elixir, de xeito que os participantes podían optar entre correr, camiñar, andar en bicicleta ou realizando actividades diarias. Cada persoa cun calendario persoal e unha App que lle permitía monitorizar o seu exercicio. En total, e entre todas as persoas participantes das 17 universidades sumáronse 63.518,73 km, logrando así o obxectivo marcado de dar a volta ao mundo. 

Xunto con Vigo, nesta primeira edición participaron as universidades de Málaga, Isabel I, Illes Balears, A Coruña, Rey Juan Carlos, León, Girona, Pompeu Fabra, Extremadura, Huelva, Miguel Hernández, Cantabria, La Rioja, Zaragoza, La Laguna e Cádiz.

Como universidade gañadora na categoría Actividade Diaria, as persoas inscritas por parte da institución viguesa completaron un total de 8752 km. De feito, nesta modalidade a clasificación individual deixa un terceiro posto feminino e un primeiro e segundo masculinos. Tamén se acadou un terceiro posto na modalidade de running, con 1994 km. No que se refire ás clasificacións individuais, en categoría feminina Itziar Goicoechea acadou o primeiro posto en running e o segundo en bici. En categoría masculina, Andrés Pérez acadou o segundo posto en running e Antonio González na modalidade de camiñar. Como explican dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte trátase dun éxito colectivo e destacan “o apoio con determinación das iniciativas saudables" por parte da Universidade de Vigo. 

Ademais da vertente saudable e deportiva, este evento tivo tamén outra solidaria, graza á cal, a Fundación Mapfre doou 2000 euros ao proxecto Cuenta con nosotros, ao ser a causa social máis votada durante o reto polas persoas participantes. Esta iniciativa traballa para facer chegar ás persoas máis necesitadas artigos de primeira necesidade, como alimentos, roupa ou produtos de hixiene. 

Excelente arranque de liga do equipo de Orientación

Aos bos resultados acadados nesta olimpíada en liña, súmanse tamén os conseguidos esta fin de semana na 1ª proba da Liga Galega de Orientación en terras lucenses, na que un dos corredores máis novos do equipo universitario vigués, Diego Pérez, se fixo cun dobre primeiro posto, acadando a vitoria tanto na proba celebrada pola mañá como na que tivo lugar en horario vespertino, facéndose así co galardón do Trofeo O Progreso. A isto súmase tamén a vitoria do seu pai, Germán Pérez, na categoría Homes 45 e un segundo posto de Vicente Pastoriza en homes 40. 

“Estamos moi satisfeitos cos resultados acadados nesta primeira proba do campionato. Por suposto as cousas sempre poden ir mellor, pero o certo é que nesta ocasión non nos podemos queixar”, admite o responsable do equipo, José Luis Armada, quen adianta que a seguinte cita será o vindeiro día 9 de febreiro na cidade portuguesa de Barcelos, na primeira das probas da Liga Galaico Duriense, competición co-organizada coa federación portuguesa que se disputará en catro xornadas: dúas en Portugal e outras dúas en Galicia.