DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No iMarCo26, organizado polo CIM-UVigo e o Centro de Investigacións Mariñas-CSIC

Vigo reúne a referentes internacionais para avanzar na conectividade dos ecosistemas acuáticos

Estudan as conexións marítimas e fluviais e o seu papel ante o cambio global

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 02/09/2026

Os ecosistemas acuáticos non entenden de fronteiras: o que acontece nun río pode ter consecuencias nun esteiro, na costa e mesmo no océano aberto. Esta visión global e interconectada centra desde este mércores en Vigo o VIII International Marine Connectivity Conference (iMarCo 2026), un encontro científico internacional que reúne ata o 4 de setembro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) referentes de diferentes países para avanzar no coñecemento da conectividade dos ecosistemas acuáticos e na procura de respostas ante os efectos do cambio global.

Organizado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, o encontro celebra unha edición especialmente significativa, xa que é a primeira vez que iMarCo amplía o seu enfoque tradicionalmente mariño para incorporar de maneira transversal os sistemas fluviais. Baixo o lema Connectivity across water realms for ecosystem resilience, o congreso propón así unha visión integradora do denominado Aquatic Nexus, que entende os ambientes de auga doce e mariños como partes dun mesmo sistema conectado.

O presidente do comité organizador local e investigador do grupo Future Oceans Lab do CIM, Andreu Blanco, foi o encargado de abrir o encontro poñendo sobre a mesa as tres grandes preguntas que guían o congreso: como están conectados os sistemas acuáticos, por que importan esas conexións e como cambian ao longo do tempo.

“A conectividade non remata na liña de costa"

“A conectividade non remata na liña de costa. Os ríos, os esteiros, os hábitats costeiros e o océano aberto forman parte dun mesmo sistema interconectado”, salientou Blanco. Unha perspectiva que marcará tres días de intenso intercambio científico nos que, como explicou, “iremos desde os sistemas de auga doce ata os mariños, desde os factores que impulsan o cambio ata os movementos individuais dos organismos”, abordando a conectividade desde diferentes escalas e disciplinas.

Pola súa banda, a decana da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, Elsa Vázquez, destacou a importancia de que un encontro destas características se celebre precisamente en Vigo, “unha cidade cunha historia, cultura e economía que estiveron estreitamente vinculadas ao mar durante séculos” e que, pola súa posición na costa atlántica europea, ofrece “unha contorna única para a investigación e a innovación mariñas”.

Neste sentido, a decana salientou que encontros como iMarCo constitúen unha plataforma fundamental para “intercambiar coñecemento, compartir experiencias, establecer novas colaboracións e impulsar a innovación”. “Como investigadores e investigadoras temos a responsabilidade non só de avanzar no coñecemento científico, senón tamén de garantir que os nosos descubrimentos contribúan á sociedade e apoien unha toma de decisións baseada na evidencia científica. Porque o cambio climático, a perda de biodiversidade, a xestión sostible dos recursos, a contaminación mariña ou a transición cara a unha economía azul sostible requiren solucións colaborativas que vaian máis alá das disciplinas, das institucións e das fronteiras nacionais”, subliñou.

A directora do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), Beatriz Novoa, pechou a inauguración reivindicando precisamente esa necesidade de conectar coñecementos, disciplinas e perspectivas. “Os organismos mariños e de auga doce non poden estudarse de maneira illada. Están conectados, realizan migracións e existen procesos de conectividade e fluxos de enerxía”, explicou.

Para Novoa, esta mirada conxunta resulta imprescindible para responder aos grandes retos ambientais actuais e destacou as rías galegas e a ría de Vigo como exemplos da estreita relación existente entre as actividades humanas e o medio mariño. “Esta conectividade debe estar presente no propio medio ambiente, pero tamén na nosa maneira de estudar estes ecosistemas tan fráxiles”, sinalou.

A directora do IIM-CSIC animou ademais ás persoas participantes a trasladar o propio concepto que protagoniza iMarCo ás relacións que xurdan durante estes días. “Espero que a conectividade non estea presente unicamente desde o punto de vista científico, senón tamén no propio congreso. Aproveitade estes días para conectar entre vós e poñer en contacto diferentes disciplinas. Este é un dos camiños que debemos seguir para protexer o noso medio ambiente”, concluíu.

Da auga doce ao océano

O programa científico de iMarCo 2026 artéllase arredor dunha concepción ampla da conectividade acuática, entendida como os intercambios de organismos, nutrientes, materia e enerxía entre ríos, esteiros, zonas costeiras, mares e océanos, procesos que resultan determinantes para o funcionamento dos ecosistemas, a distribución das especies, a biodiversidade e a prestación de servizos ecosistémicos.

Esta mirada materialízase en tres grandes sesións. The Aquatic Nexus: From Freshwater to Marine Effective Connectivity aborda as conexións entre os sistemas de auga doce e mariños; Drivers of Ecosystem Connectivity in a Changing Environment analiza como o cambio climático e outras presións humanas están modificando cando, onde e de que maneira se conectan os ecosistemas; e Species on the Move: Movement as a Driver of Ecological Connectivity pon o foco nos organismos individuais e nos seus movementos como motores da conectividade ecolóxica.

O encontro conta ademais con sesións plenarias impartidas por especialistas internacionais de referencia como Audrey M. Darnaude, de MARBEC – Université de Montpellier, CNRS, Ifremer e IRD (Francia); Jesse O’Hanley, da University of Kent (Reino Unido); e Esben Moland Olsen, do Institute of Marine Research – Flødevigen Research Station (Noruega).

O programa complétase con sesións científicas, presentacións de pósteres, espazos de intercambio e obradoiros especializados. Entre os temas abordados atópanse tamén as tecnoloxías de tracking e seguimento de organismos acuáticos, coa participación de persoal investigador vinculado á European Tracking Network (ETN), que permiten estudar os movementos individuais, os patróns migratorios, o uso dos hábitats e as conexións entre diferentes ambientes.